Foz acollerá unha nova edición do Tentacle Summer este verán o día 27 de xullo

A organización do Tentacle Summer confirma unha nova edición para este verán en Foz, será o 27 de xullo. O evento focense cumprirá coa súa sétima edición este ano e preséntase como unha proposta xa consolidada dentro do calendario de actividades estivais na Mariña Lucense.

Os seus organizadores levan xa meses preparando os contidos para esta nova data na que manteñen a súa última localización na urbanización As Lagoas, tras 5 edicións anteriores xunto á ría de Foz.

Na edición pasada,  o seu novo emprazamento, tivo moi boa acollida por parte do público e parece que o Tentacle inicia unha nova etapa nun recentemente rehabilitado e mellorado espazo entre os altos edificios de As Torres.

Xusto finalizábanse hai unhas semanas os traballos de reordenación e  acondicionamento das novas instalacións deportivas desta urbanización, nas que agora se conta cunha pista multideportiva de céspede artificial, rocódromo, parque infantil e un bowl con zona de street para os amantes do monopatín.

Os responsables do festival atópanse moi ilusionados con poder utilizar estas instalacións, estando seguros de que é o lugar ideal para realizar actividades de deporte urbano en paralelo á celebración do evento. Barállase a posibilidade de realizar un campionato ‘open’ de skate, un torneo de baloncesto 3 a 3 e máis ideas nas que aínda están a traballar.

En canto ao musical manteñen a súa filosofía inicial apostando polos estilos funk, soul, jazz e disco todos en converxencia cara ao son que máis os define, a música house.

Manteranse tamén como o ano pasado unha zona de comida, na que o polbo e o churrasco ao estilo romaría serán os principais protagonistas, e unha pequena zona ‘ market’ con artesáns e pequenos creadores da zona.

Os artistas que conformarán o cartel desta edición 2019 están aínda sen confirmar, pero asegúrannos que manterán o nivel de anteriores celebracións nas que xa contaron con artistas de primeira liña internacional como Marshall Jefferson ou Joey Negro.

Etiquetas