Skip to main content
A PontenovaActualidade

O PP de A Pontenova pide o apoio dos veciños para gobernar e “poñer fin a tres lexislaturas que non serviron para nada”

Por 15 Maio, 2019Sin comentarios

O PP de A Pontenova que encabeza David Guitiérrez pediu este sábado ao apoio público dos veciños para gobernar e “poñer fin a tres lexislaturas que non serviron para nada”. Deste xeito, o candidato defendeu diante os asistentes o proxecto dos populares como “a única alternativa a anos de desgoberno socialista”.

Neste senso, o alcaldable considera que A Pontenova “merece un alcalde que, polo menos, estea no Concello”, xa que “o actual, dende que é presidente da Deputación, gústalle máis viaxar a Lugo que arranxar os problemas dos seus veciños”. “Dende logo, asegura, se gobernamos, o Partido Popular fará da casa consistorial a casa de todos a diferencia de agora que é a casa duns poucos afíns”.

Trátase, en definitiva, dixo, “de aplicar a oposición construtiva que fixemos estes anos ao goberno”. E é que o labor do grupo municipal foi decisivo, por exemplo, para que se mantivesen uns horarios do transporte público axeitados e acordes ás necesidades dos usuario. Isto foi posible grazas á petición do PP nunha reunión mantida cos representantes da Xunta e na que, por certo, non acudiu ningún membro do goberno local.

Se o PP goberna, salientou Gutiérrez, “tampouco deixaremos perder axudas” como as da Festa da Troita; circunstancia esta que se debeu “ao non traballo do alcalde e do seu equipo, xa que legalmente son o ente ao que se ten que dirixir a asociación para pedir estas subvencións”, remarcou.

Se goberna o PP, hai xestión e resultados

Na mesma liña, e durante o encontro no que tamén participaron o conselleiro de Medio Rural, José González, e o delegado da Xunta, José Manuel Balseiro, expuxo que cando “o PP goberna, nótase na xestión e nos resultados”. Proba delo é que a administración autonómica, dirixida polo presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, é a que máis inviste con diferencia neste municipio. Só en 2018 o Executivo de Feijóo achegou a este municipio máis de 1,6 millóns de euros; un importe ao que lle hai que sumar o custe de manter ao 100% servizos públicos como o colexio, o instituto, o centro de saúde ou a casa comunitaria, explicou Balseiro

Candidatura

No transcurso do encontro, David Gutiérrez tamén fixo a presentación pública da súa candidatura; “un equipo gañador e coa forza necesaria para que chegue o cambio a Pontenova”. “Como deportista que son, sei que nada se consegue sen esforzo. Levamos traballando moito tempo e seguirémolo facendo. Estaremos do lado dos veciños e impulsaremos políticas que revitalicen o noso concello como un lugar destacado da comarca”, afirmou.