O PP de Viveiro impulsará unha cidade “máis viva, atractiva e funcional”

O candidato do PP á Alcaldía de Viveiro, Óscar Rodríguez, asegura que o seu programa de Goberno avoga por impulsar medidas en diferentes eidos e sectores que dun xeito conxunto contribuirán a crear unha cidade “máis viva, atractiva e funcional”, o que se converte nunha fonte de oportunidades para o comercio, a artesanía e, en definitiva, os negocios locais.

Óscar Rodríguez participou esta tarde nun encontro co sector do comercio e da artesanía local, no que tamén participou a directora Xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal e Elena Fabeiro, xerente da Fundación Artesanía de Galicia. Este foro serviu tanto de análise das oportunidades e da importancia que ten o comercio local nunha cidade como a de Viveiro, como de posta en común das liñas mestras do programa co que o popular concorre aos próximos comicios do día 26.

O alcaldable defendeu a importancia de que o sector reciba o “impulso” que demanda xa que “son un dos motores que traen riqueza e economía a Viveiro”. Por iso, o candidato defende que “contamos cun programa realista e ilusionante que avoga polo avance da cidade con melloras en espazos públicos, infraestruturas e apoios directos dende a administración local para que o desenvolvemento económico de Viveiro funcione o mellor posible”.

Un proxecto realista e ilusionante

O alcaldable expuxo o compromiso de promover un Plan de Recuperación do Casco Histórico como espazo habitable e tamén de oportunidades para a artesanía e o pequeno comercio.  Anunciou tamén a adhesión do Concello ao programa ‘Concello Emprendedor’, o que permitirá a rebaixa de impostos como é o IBI, así como a redución da burocracia.

Óscar Rodríguez tamén defende a necesidade de crear un viveiro de empresas  e de habilitar espazos para facilitar o emprendemento nos primeiros anos. Promoverán tamén un concurso anual sobre unha iniciativa innovadora para Viveiro. Do mesmo xeito, ofertaranse obradoiros de emprego e accións formativas para desempregados e un servizo de acompañamento na xestión administrativa. A potenciación da industria pesqueira será outro dos seus obxectivos.

Cidade en “constante transformación”

Unha cidade “en constante transformación” con melloras no seu urbanismo é outra das claves da candidatura que encabeza Óscar Rodríguez. Apostan pola ordenación da Fachada Marítima de Viveiro en tres treitos: Puente-Casino; Casino-Consellería de Pesca e Cofradía-Muelle Norte de Celeiro. No proxecto de Goberno inclúese a recuperación do Parque Pernas Peón mediante un Concurso internacional de deseño.

Tamén promoverán iniciativas como  a creación dunha zona ampla adaptada a mascotas, a rexeneración medioambiental entre Puentes (P. Ferrocarril e P. Misericordia) e a realización dun carril bici Covas-Viveiro-Celeiro, con inclusión do acceso peonil entre Zona Lodeiro e Praia de Covas.

Outra das medidas concretas incluídas no programa baixo o lema de ‘Centrados en Viveiro’, é a adecuación da estrada Viveiro-Cabreiros (LU-540). Unha mellora que inclúe sete novas zonas para adiantar, actuacións no trazado de curvas, colocando proteccións ao acceso de animais soltos e, todo isto, enfocado ao proxecto simultáneo do desdobramento desta vía.

Turismo máis accesible e cultura viva

O candidato avoga por un turismo máis accesible. Crearase un Patronato de Turismo e aposta por desenvolver un Plan Estratéxico a corto e medio prazo. Acometerán tamén limpeza, saneamento e apertura de praias e a apertura e accesibilidade de camiños, rutas de sendeirismo e rutas BTT e a súa sinalización así como o desenvolvemento de turismo adaptado.

Óscar Rodríguez fala tamén de cultura “viva” e para iso propón a creación do Museo da Semana Santa, a rehabilitación do Convento de San Francisco; a xestión tripartita da financiación do conservatorio, a posta en valor do patrimonio histórico local (Casa Calvo Sotelo, Castros, Necrópolis…) así como a creación do Patronato Cultural, de salas de exposicións e de centros de interpretación.

Etiquetas