Skip to main content
ActualidadeRibadeo

O candidato do PP á Alcaldía de Ribadeo pide explicacións sobre a Torre dos Moreno

Por 17 Maio, 2019Sin comentarios

O candidato do Partido Popular á Alcaldía de Ribadeo, Daniel Vega, reclama a Fernando Suárez que explique as negociacións que mantivo coa empresa Paisajes de Asturias sobre o emblemático inmoble ribadense coñecido como a Torre dos Moreno. Para o alcaldable popular “ese edificio debería contar cun espazo público para todos os ribadenses”.
Daniel Vega solicita información sobre este asunto “e o que ten que informar é o señor Fernando Suárez. Non explicou a negociación que fixo con Paisajes de Asturias nin aos membros da corporación nin á cidadanía en xeral, non explicou nada. E a Torre dos Moreno, que identifica claramente ao pobo de Ribadeo, non se pode malvender, non se pode buscar a peor solución para ese edificio”.
O alcaldable do PP propón que a Torre dos Moreno “siga cunha titularidade pública porque durante a etapa do goberno do señor Andina, do Partido Popular, consolidouse o edificio arranxando o teito e reforzando os alicerces e logrouse a titularidade do 21 por cento do inmoble. E agora o que fai con iso o señor Suárez é malvendelo porque fixo unha negociación mala e oculta, que non se explicou aos veciños. Non será moito mellor ter dentro da Torre dos Moreno un espazo público para uso de todos os ribadenses? Eu creo que iso é o que temos que reivindicar. E despois explícanos que hai un edificio que se vai utilizar para xulgado de paz, pero si para ese servizo xa temos un inmoble, que está nun estado calamitoso, que non se arranxou nin se aprobou ningún orzamento durante estes doce anos para investir neste edificio”.
Vega engade que “agora Fernando Suárez quérenos enganar, mentindo e ocultando unha información que é moi importante para os veciños de Ribadeo. O edificio da Torre dos Moreno ten que ser titularidade tamén de Ribadeo porque hai un 21% do inmoble do que os donos son os ribadenses. Polo tanto esíxolle que explique todas as negociacións e que pase do oscurantismo a explicar con luz e taquígrafos que fixo con Paisajes de Asturias”.
Obras a última hora
Ademais Daniel Vega critica a Fernando Suárez pola “falta de traballo durante tres anos e once meses porque durante este tempo debería ter concretado unha planificación correcta para o arranxo de infraestruturas e dotando a Ribadeo de novas prazas de aparcamento; debería traballar para abrir a residencia de maiores e para solucionar un problema que hai na praza de abastos, no tocante a luz e a obras, en vez de protestar e mandar cartas, non sabemos moi ben a quen, e queixarse dos apagóns que hai en Ribadeo e que el non solucionou durante 12 anos. E agora no último mes está anunciando posibles obras, para as que non sabemos de onde vai sacar o orzamento, e tamén está aglomerando todo. Polo tanto a min paréceme unha falta de respecto comprar vontades e enganar ao pobo”.
Pola contra o candidato do PP á alcaldía de Ribadeo propón “concretar unha planificación de traballo en consenso cos veciños para que nos digan que obras son as prioritarias en cada parroquia e tamén na vila; e ir concretando obras e medidas que beneficien á poboación durante toda a lexislatura. E durante o último mes o que hai que facer é explicar a toda a cidadanía o que fixeches durante os 4 anos de mandato, non facer todo nos últimos días”.