Catro concellos mariñaos reciben unha axuda para contratación de persoal turístico

A Xunta de Galicia inviste 57.000 euros no financiamento dos gastos de contratación de persoal nas oficinas de turismo de dez concellos lucenses declarados municipios turísticos e do xeodestino da Ribeira Sacra.

Este programa non é de concorrencia competitiva, senón que se concede a axuda a todos os xeodestinos e aos concellos que contan coa declaración de municipios turísticos sempre que o soliciten en tempo e forma. Cada un recibe arredor de 5.000 euros para financiar os custos salariais dun técnico no período comprendido entre o 15 de xuño e o 15 de setembro.

Na provincia, os concellos mariñaos beneficiarios son os de Mondoñedo, Foz, Ribadeo e Viveiro, aos que hai que engadir Sober, Sarria, Quiroga, Samos, Chantada e Palas de Rei, ademais do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra que xestiona este xeodestino.

Como medida de fomento do emprego, o persoal que se contrate deberá figurar como desempregado, ou demandante dunha mellora de emprego, no Servizo Público de Emprego de Galicia.

Igualmente, deberá ser persoal cualificado, en posesión dalgún dos seguintes títulos ou habilitacións: técnico superior en Información e Comercialización Turística ou técnico superior en Guía, Información e Asistencia Turística; técnico en Empresas e Actividades Turísticas, grao ou diplomado/a en Turismo ou equivalente homologado ou ben contar coa habilitación de guía de turismo, ou certificado de profesionalidade de Promoción Turística Local e Información ao Visitante.

Etiquetas