Deputación e Ourol financian a construción dun centro de maiores

A Xunta de Goberno aprobou o convenio de colaboración entre a Deputación de Lugo e o Concello de Ourol para a construción dun centro de día e residencia en dito municipio con 1,4 millóns de euros. Desta cantidade, a Deputación achega 1,2 millóns en varias anualidades (2019-2022) e o Concello 200.000 euros. O municipio tamén aporta os terreos.

Neste senso, o Concello entregou á Deputación a certificación catastral da parcela e a resolución da Consellería de Educación sobre a desafección do CEIP Vicente Casabella, que a Xunta pechou no 2015. Pois a proposta é situar nesta zona o centro de maiores, recuperando dito inmoble e dándolle un uso público e social.

Deputación e Concello realizarán polo tanto en primeiro lugar os estudos xeotécnicos e de control da estrutura existente para logo redactar o proxecto básico. A previsión é ofrecer 50 prazas de residencia e 20 de centro de día.

Etiquetas