Skip to main content
ActualidadeXove

A CIG gaña as eleccións sindicais na piscifactoría Insuíña de Xove, ao lograr cinco dos nove membros do comité

Por 28 Maio, 2019Sin comentarios

A CIG gañou as eleccións sindicais celebradas o pasado 22 de maio, nas piscifactoría  Insuíña de Lago, Xove, ao lograr cinco dos nove membros do comité de empresa. Con este resultado, a central nacionalista pasa a ser a forza maioritaria nesta empresa, na que até agora non tiña representación.
No colexio de Especialistas presentáronse dúas candidaturas, a da CIG e a de CCOO, e elixíanse oito delegados e delegadas dos nove que forman o comité. A participación neste colexio, cun censo total de 90 persoas, superou o 80%, recibindo a candidatura da CIG 48 votos, mentres que a lista de CCOO tivo 28 votos, o que se traduce en  cinco representantes para a CIG e tres para CCOO.                    
No colexio de Técnicos e Administrativos, no que se elixía un único representante e no que a CIG non presentou candidatura, a participación foi dun escaso 33%, xa que dun censo total de doce persoas, acudiron a votar catro.
Cómpre subliñar que, até agora, o comité de empresa estaba conformado por cinco representantes do persoal, todos de CCOO, que sofre un forte retroceso nestas elecións. Neste senso, o responsábel da Unión Local da CIG na Mariña, Xorxe Caldeiro, salienta que con este gran resultado, a CIG sitúase non só como principal forza neste centro de traballo de Insuíña, “senón como sindicato hexemónico no sector da acuicultura na comarca, xa que a central nacionalista tamén ten a maioría absoluta tamén no comité da planta de Stolt Sea Farm de Cervo (onde ten tres dos cinco representantes)”.
Pola súa banda, os delegados e delegadas da CIG queren agradecer a todos os compañeiros e compañeiras a súa participación no proceso electoral “e ternos confiado a responsabilidade de ser maioritarios no novo comité de empresa”. Manifestan a súa satisfacción polos resultados e aseguran que “traballarán con firmeza e honestidade para mellorar as condicións laborais de toda o cadro de persoal, sen excepcións nin discriminacións”.