Skip to main content
ActualidadeMondoñedo

Mondoñedo inicia as obras do Museo da Imprenta

Por 29 Maio, 2019Sin comentarios

O Concello de Mondoñedo, a través dun convenio de colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo, vén de iniciar as obras de rehabilitación da planta baixa da Casa dos Coengos e a súa adecuación como Museo da Imprenta. A actuación contará cun orzamento de 47.795 euros e terá un prazo de execución de 4 meses, aínda que se prevé que poida estar rematada no verán.
A alcaldesa en funcións, a popular Elena Candia, explica que con esta actuación se pretende recuperar e poñer en valor a historia da imprenta na cidade tan ligada ao movemento cultural.
Candia destaca que se cumpre unha débeda cos sucesores de Mancebo, que tivo a xenerosidade de ceder parte do material. O Goberno local agradece ademais a cesión da Casa dos Coengos por 25 anos e subliña a posta en marcha dun novo proxecto que naceu por unanimidade e a proposta dos veciños e veciñas.
A edificación elixida para o uso museístico é a planta baixa da coñecida como Casa dos Coengos na Rúa da Imprenta, situada na parte traseira da Catedral e que fai esquina á súa vez coa Praza do Seminario. O obxectivo é achegar a historia da imprenta en Mondoñedo de modo didáctico e comprensible para o público en xeral.
Para iso empregaranse medios gráficos e construtivos que sirvan de apoio ás pezas e que se completen coas explicacións precisas.  Imaxes, gráficos, liñas cronolóxicas e textos formarán parte dos recursos a empregar. Haberá soportes gráficos e explicativos e audiovisuais nun espazo de 100 metros cadrados que se amosarán a través dunha lectura expositiva clara e amena.
Grazas á colaboración de Imprenta Sucesores de Mancebo, Gráficas Lucenses e Junor, a exposición contará con varias máquinas de impresión de gran valor como unha máquina plana H, Jullien 45×64. Ano 1872, fabricada en Bélxica; unha Minerva Hispania semiautomática 45×32; unha guillotina Manual; unha linotipia e unha máquina marca Nebiolo 50×35.
Mondoñedo, ademais de terra de escritores, foi unha das primeiras poboacións de Galicia en coñecer a imprenta. En 1550 Agustín Paz xa confeccionaba varias obras. Desde o ano 1553 ata mediados do século XIX deixou de existir, tendo que imprimirse fóra da cidade. Cara ao 1850 créase a segunda imprenta en Mondoñedo cando José Pérez traslada á cidade unha parte importante da imprenta que tiña en Lugo, adquirida á viúva de Riesgo. En 1870 inicia a súa andadura a imprenta de D. Hermenegildo Mancebo, a de maior traballo durante moitos anos e que segue en funcionamento na actualidade.