CIG Saúde A Mariña denuncia que o Centro de Saúde de Foz desabastecido de material básico

“Desde hai 10 días non teñen papel de mans e para as padiolas onde atenden aos pacientes, tamén levan case 15 días sen agullas de extracción para analíticas de adultos, tendo que utilizar agullas pediátricas o que está a provocar un atraso na recollida de mostras, do mesmo xeito falta material de papelería e hai escaseza de gasas entre outros materiais”, denuncian desde CIG Saúde.

“Isto débese á privatización do servizo e a escaseza de material abastecido froito dos recortes (a última vez o 16 de maio), de tal maneira que cando reciben o novo material aos poucos días xa está esgotado ou escasea”, denuncian.

A situación foi posta en coñecemento dos directivos de Lugo, verdadeiros responsables da xestión dos centros de saúde -a pesar de “vender” que a atención primaria sería xestionada desde o Hospital da Mariña-, “unha mentira máis dos dirixentes do Partido Popular para acalar as críticas e protestas”, afirman.

A solución achegada pola Xerencia de Lugo é o envío de “forma urxente” do material este venres. “Máis de dous días para repoñer o material?”, pregúntanse desde a central nacionalista.

“O Sergas é o responsable de controlar á empresa privada e de garantir a abastecemento de material en tempo e forma, e esta situación, xa denunciada no seu momento, é o día a día de todos os Centros de Saúde e PACs da nosa comarca”, explica a CIG.

Esta privatización, que afectou a todos os centros do SERGAS, foi adxudicado á empresa Severiano Xestión SL no mes de decembro de 2011 e foi completada o 19 de marzo de 2014. Abarca un período de once anos e ten un importe de 98.130.701,42 euros, IVE/IVE incluído. A privatización provocou a amortización de prazas e desabastecemento de material. “Na maioría dos casos estes megacontratos son por un período de tempo moi longo e as empresas están blindadas contra posíbeis decisións de reverter os servizos ao ámbito público”, sinalan desde a CIG-Saúde, para a cal a privatización está a “hipotecar o futuro da sanidade pública”.

Destacan que mentres a loxística dependía directamente do SERGAS, xestionada por persoal do servizo público de saúde, nunca se produciu carencia ningunha nas subministracións.

CIG Saúde explica que, as privatizacións responden á política do PP que beneficia a empresas, “na maioría dos casos ligadas a cargos da propia Administración pública, para faceren grandes negocios a conta da saúde de todos os galegos”.

Con esta táctica o PP entregou xa a mans privadas parcelas moi amplas dos centros sanitarios: o servizo de ambulancias, as telecomunicacións do Sergas, o almacenamento e subministro de material, o mantemento dos equipos sanitarios, a historia clínica (Ianus) e a receita electrónica, a central de chamadas (que presta un servizo penoso), a alta tecnoloxía etc.

“Se non somos capaces de frear esta estratexia privatizadora, no futuro será moi difícil recuperar a titularidade pública dos servizos privatizados”, conclúen desde CIG Saúde.

Etiquetas