Viveiro desfrutará o 8 de xuño do Mercado Vivemar

Viveiro acollerá o vindeiro 8 de xuño o Mercado Vivemar, do que a cidade do Landro xa puido desfrutar en setembro pasado. Trátase dun proxecto sociocultural, expansivo e diverso, de promoción e divulgación do coñecemento e dos valores do mar e os ríos. Foi un evento que permitiu vivir a cultura marítima a través de actividades moi diferentes e para todo tipo de públicos. Pero o Vivemar continúa vivo para afrontar novas iniciativas e continuar as comezadas en setembro do 2018.

En breve poderemos coñecer o documental gravado a Paco Alonso, mariñeiro, patrón e armador de Celeiro. No seu día, non se puidera realizar o mercado previsto, así que será agora o 8 de xuño cando teña lugar na Praza Maior, dende as 10:30 ata as 21:30 horas.

Será un mercado aberto á participación de proxectos alimentarios ou artesanais onde se dén a man e se demostre o mellor do territorio. Pretende ser algo máis que a venda de alimentos ou obxectos, senon máis ben un punto de encontro entre maiores, pequenos, turistas ou curiosos que desexen achegarse a Viveiro a pasar unha boa xornada. Haberá degustacións por parte dos participantes, xogos populares para que as familias desfruten doutro xeito de pasalo tempo.

Outra parte importante do mercado será a participación de nenas e nenos como feirantes, esto é, un mercadiño infantil para eles, no que podan experimentar durante 3 horas, de 16:30 a 19:30 horas, a venda de cousas feitas por eles, tanto de alimentos como de feituras varias e no que tamén haxa a posibilidade de interactuar entre eles mediante o troco de útiles. A organización convida a nais e pais a que animen aos pequenos a participar e valorar o próximo. Ao remate do mercadiño infantil terá lugar un espectáculo a pé de rúa de temática feirante, o denominado Teatro á feira.

Etiquetas