Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXA

A Mancomunidade de Concellos da Mariña recibiu unha subvención para a renovación dos contedores da recollida do lixo

Por 3 Xuño, 2019Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense ven de recibir unha subvención de 80.000 euros da Xunta de Galicia para afrontar a renovación de contedores. O presidente, Alfredo Llano, asegura que se trata dunha boa noticia.
Llano declarou que “o medio ambiente vai ser unha circunstancia de moita preocupación no futuro e o que estamos a facer desde hai dous ou tres anos é conseguir subvencións para mellorar o que é a recollida do lixo. É algo moi ben recibido polos 16 Concellos que forman parte da Mancomunidade, porque hai unha cousa que nos ven moi ben que son os contedores, os verdes, os amarelos, os de cristal… queremos abarcalos todos ademais de papeleiras e suxeita contedores, todo aquilo que ten vinculación coa recollida de lixo selectiva”.
O presidente da Mancomunidade explicou que “como queremos facilitar e ter sempre bo material recibimos unha subvención de novo este ano da Xunta, duns 80.000 euros. Nós temos un proxecto pensado para 119 ou 120.000 euros, pero con esta axuda poderemos levar isto cara adiante dunha forma efectiva. Cada Concello verá as súas necesidades específicas para pedir un número concreto de contedores e unha vez que teñamos o listado de todos eles faremos unha petición e unha licitación para saber o seu custe. Tivo moi bo resultado estes anos e vai volver telo e é unha boa noticia recibir unha subvención destas características”.
Llano aproveitou a ocasión para referirse á situación da sanidade na comarca: “é notorio que reclamei, reclamo e reclamarei a área sanitaria propia da Mariña e unha atención primaria ben atendida con todos os servizos. E o que vemos e comprobamos estes días é unha cuestión importante que xa se vía vir, que é a supresión dunha persoa que formaba parte da plantilla da ambulancia medicalizada na Mariña”.
Para o presidente da Mancomunidade “isto quere dicir que o que menos importa é o servizo e o que máis importa é reducir gastos e postos de traballo, algo tremendamente grave nos tempos que estamos a vivir. Por tanto a miña protesta formal sobre isto, que xa se vía vir, que se ía reducir o servizo e na Mariña como xa se ven facendo. Parece que é unha aposta discriminar, aborrecer e desprezar aos habitantes desta comarca e iso non pode ser. A Xunta debe mirar isto, debe dar marcha atrás e deixar as cousas como estaban, que é como realmente funcionaban”.