Skip to main content
ActualidadeBurela

Burela levará a cabo a obra de humanización na rúa do Hórreo

Por 7 Xuño, 2019Sin comentarios

O Concello de Burela levará adiante o proxecto de humanización na rúa do Hórreo, despois de recibir unha subvención. O investimento total ascende a 120.000 euros dos que a administración galega aporta o 80% e o Concello o 20% restante. Para o alcalde burelés, Alfredo Llano, é unha satisfacción moi grande poder executar esta obra, que era un obxectivo do equipo de goberno.
O rexedor lembrou que “o Concello de Burela xa tiña previsto, xa o fixemos o ano pasado, un proxecto interesantísimo que nos parece moi bo e meritorio aquí no centro, na rúa do Hórreo, que é unha zona que está enclavada moi preto do porto, que chama a atención, onde hai un hórreo que leva moitos anos e cunha casa moi característica”.
Alfredo Llano dixo que “como queremos perfilala como unha zona visitable, e poñer un miradoiro para apreciar o porto, fixemos un proxecto de mellora integral, de humanización desa rúa, onde se van facer obras como a separación de pluviais e residuais, unha nova canalización de auga, imos poñer unhas barandillas e firme de pedra con granito silvestre que vai formar parte de toda esa estrutura no chan”.
O alcalde burelés explicou que “pedíramos o ano pasado unha subvención á Xunta que non nos concedeu por algunha circunstancia, sen embargo este ano si que nola concederon. É unha obra que ten un orzamento total de 120.000 euros dos que a Xunta aporta un 80% e nosoutros poñeremos o 20% restante. Inmediatamente que teñamos todos os papeis en regra, imos poñernos a licitar esta obra que é moi interesante e esperada. É unha iniciativa do equipo de goberno que xa tíñamos pensado realizar no ano 2018. Imos facela en dúas anualidades, unha neste ano 2019 e a outra no 2020”.
Llano subliñou que “é unha satisfacción grande. Creo que vai mellorar moito a vistosidade desa zona e estamos contentos porque era algo que xa tíñamos previsto realizar no ano 2018”.