Deputación e Concello de Ourol destinan 1,4 millóns á construción dun centro de maiores para os veciños

O presidente en funcións, Darío Campos Conde, e o alcalde de Ourol en funcións, José Luís Pajón Camba, asinaron o convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello para construír un centro de día e residencia públicos para os maiores do municipio, cunha achega de 1,4 millóns de euros. Do total, o Goberno Provincial destina 1,2 millóns de euros e o municipio outros 200.000 euros, ademais dos terreos dos que xa dispón.

O Concello xa entregou á Deputación a certificación catastral da parcela e a resolución da Consellería de Educación sobre a desafección do CEIP Vicente Casabella, que a Xunta pechou no 2015. Deste xeito, dende o Goberno municipal recupérase un inmoble en desuso dándolle utilidade pública e social, cunha infraestrutura moi necesaria para os maiores da zona.

Campos Conde destacou que “dende o Goberno da Deputación continuamos a construír na provincia unha rede de residencias e centros de días públicos para os nosos maiores pois existe unha necesidade real de desenvolver este tipo de servizos. Cómpre lembrar que un dos principais problemas aos que nos enfrontamos en Lugo é o envellecemento da poboación que, engadido á dispersión no territorio, produce o éxodo do rural cara o urbano e reduce o crecemento demográfico. Por iso, dende a Deputación e os Concellos ofrecemos proxectos coma estes, encamiñados a promover o benestar social dos máis maiores e dotar ao rural de servizos básicos cos que frear o abandono do rural”.

Pajón agradeceu a “constante colaboración do Goberno da Deputación por mellorar o día a día dos veciños de Ourol, tanto a través do financiamento de obras e servizos básicos, como de proxectos como o da residencia e centro de día público, de extrema necesidade no municipio. Hai que ter en conta que arestora preto do 50% dos veciños e veciñas do Concello superan os 65 anos de idade, o que dá mostra da importancia de desenvolver iniciativas coma estas”.

Logo da sinatura deste convenio, Deputación e Concello realizarán en primeiro lugar os estudos xeotécnicos e de control da estrutura existente para logo redactar o proxecto básico. A previsión é a de respectar o pioneiro modelo de centros de maiores que desenvolveu a Deputación en colaboración cos Concellos, ofrecendo unhas 50 prazas en total, 30 de residencia e 20 de centro de día. Tamén se garante unha xestión pública; que as prazas sexan de xeito preferente para os veciños do Concello onde se sitúa a residencia e centro de día, en segundo termo para os dos municipios limítrofes e da Comarca e logo para lucenses en xeral; e que todos os veciños, independentemente da súa situación económica, poidan acceder as prazas.

Etiquetas