Skip to main content
ActualidadeBurela

O BNG di que o Burela FS masculino terá que xogar en Viveiro os encontros televisados por falta de pavillón

Por 11 Xuño, 2019Sin comentarios

O portavoz en funcións do BNG Mario Pillado afirmou que Burela está sen pavillón polo “pasotismo” do alcalde que botou catro anos anunciando novas instalacións deportivas sen que chegase sequera a iniciar as xestións oportunas. “O alcalde foi incapaz de cumprir os acordos acadados por unanimidade do pleno, a instancias dunha moción presentada polo BNG, polos que o Concello se comprometía a redactar o proxecto construtivo e adquirir os terreos para o novo pavillón. Agora di que vai reformar Vista Alegre e que xa tiña o visto bo da LNFS e resulta que temos que saber polos medios que o Burela FS masculino terá que xogar en Viveiro os encontros televisados. É unha falta total de respecto hacia a afección e hacia o conxunto dos veciños e veciñas de Burela”, engadiu Pillado.
Desde a formación nacionalista adiantan que non van ser apéndice de ninguén no futuro goberno e que se deben ás persoas que apostaron polo BNG en Burela.
O portavoz nacionalista lémbralle ao alcalde que aínda que o PSOE acadou a maioría nas pasadas eleccións, os veciños e veciñas lle deron un pequeno tirón de orellas e deixaron claro que non queren unha nova maioría absoluta do PSOE durante os próximos catro anos en Burela. “Burela falou claro o pasado 26 de maio e outorgou ao BNG unha maior representación no Concello, pasando de dous a tres concelleiros en detrimento do PSOE, co que iso significa. Os veciños quixeron que o BNG pasase de ser oposición a situalo con opcións de asumir responsabilidades no futuro goberno municipal”, salientou Pillado.
A perda dun concelleiro e da conseguinte maioría absoluta por parte do PSOE, obriga ao futuro goberno a buscar o consenso e acordos para gobernar. Nese sentido, desde o BNG adiantaron que non van dar un cheque en branco ao PSOE se opta por gobernar en solitario. “Nós debémonos ao interese xeral de Burela e aos nosos votantes e nese sentido imos pór enriba da mesa unha serie de asuntos prioritarios para os próximos catro anos, entre eles tamén a construción do novo pavillón polideportivo. Consideramos que no pasado mandato quedaron moitas cousas por facer e iso non se pode voltar repetir”, indicaron desde a formación nacionalista.