O PP insistirá na súa demanda ao Goberno central dun novo xulgado do social para Lugo

O Grupo Popular insistirá no Pleno desta semana na reclamación ao Ministerio de Xustiza para que, de xeito inmediato, rectifique a súa proposta de novos xulgados para Galicia en 2019 e inclúa a creación dun novo xulgado do social en Lugo. O viceportavoz popular, Miguel Tellado, apuntou esta mañá que “tamén pediremos ao Goberno central que impulse os cambios normativos necesarios para mellorar o sistema de cotización e protección sociolaboral das persoas traballadoras do mar.

Miguel Tellado informou que o Pleno desta semana dará comezo coa elección dun membro do Consello Social da Universidade de A Coruña a proposta do Grupo Popular. En concreto, trátase de Inmaculada Rodríguez Cuervo, que foi vicepresidenta primeira do Parlamento de Galicia entre os anos 2001 e 2005 e conta con máis de 25 anos de experiencia profesional liderando compañías e proxectos empresariais no sector industrial, farmacéutico e de servicios.

COMPARECENCIA SOBRE A XESTIÓN DA AUGA

A continuación terá lugar a comparecencia da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, para dar conta das actuacións que está a desenvolver a Xunta para acadar o reto dunha adecuada xestión do ciclo integral da auga. Neste punto, Tellado salientou que “a Xunta acometeu nos últimos anos 300 actuacións en 186 concellos, avanzando na garantía de subministro de auga en cantidade e calidade”, ao tempo que lembrou “a importancia de que os concellos se doten de plans de emerxencia para afrontar posibles situacións de seca, para o que resulta fundamental o apoio das deputacións provinciais”.

Miguel Tellado manifestou que “por parte do Grupo Popular defenderemos neste Pleno dúas proposicións non de lei con sendas reclamacións importantes ante o Goberno central para mellorar as prestacións que reciben os galegos e galegas”.

“En primeiro lugar, insistiremos ao Ministerio de Xustiza para que, de xeito inmediato, rectifique a súa proposta de novos xulgados para Galicia en 2019 e inclúa a creación do novo Xulgado do Social para Lugo”, concretou, para lembrar que “esta proposición non de lei ten a súa orixe na solicitude realizada pola Comisión Mixta Goberno Galego-Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ao Ministerio de Xustiza en decembro de 2018 para a creación de novos xulgados do social en Vigo, Santiago e Lugo”.

O viceportavoz explicou que “o Goberno socialista aceptou, en primeira instancia, unicamente a creación do xulgado do social en Vigo, e posteriormente, logo das presións exercidas tanto a nivel do Goberno galego como polas institucións xudiciais, accedeu á creación do novo xulgado en Santiago”. “Porén, a día de hoxe aínda segue se aceptar a creación do novo xulgado do social en Lugo, polo que consideramos necesario que o Parlamento galego volva insistir nesta demanda”.

AUMENTO DAS BASES DE COTIZACIÓN

Unha segunda proposición non de lei do Grupo Popular ten como obxectivo que o Goberno central impulse os cambios normativos necesarios para mellorar o sistema de cotización e protección sociolaboral das persoas traballadoras do mar. Ademais, demándase que, en colaboración co sector, se estude a posibilidade de establecer un sistema que permita aumentar voluntariamente as bases de cotización destes traballadores, aproveitando este momento no que o Ministerio de Traballo está avanzando nun novo sistema de cotización para os traballadores autónomos en base aos seus ingresos reais.

“Esta reforma sería moi beneficiosa para todos os profesionais do mundo do mar en Galicia, especialmente aqueles propietarios de pequenas embarcacións que realizan o seu traballo a bordo das mesmas; traballadores por conta allea enrolados en pequenas embarcacións; e profesionais por conta allea enrolados en pequenas embarcacións e profesionais autónomos non embarcados, fundamentalmente mariscadoras e redeiras”, asegurou

Etiquetas