Cervo recorda a obriga de solicitar permiso para as fogueiras de San Xoán

O Concello de Cervo informa da obrigatoriedade de solicitar autorización para poder facer fogueiras na noite de San Xoán. O prazo remata o vindeiro 20 de Xuño.

O encargado de presentar a solicitude, que ten que ser maior de idade, farase responsable da fogueira e deberá indicar a localización exacta da mesma. As solicitudes están a disposición dos veciños e veciñas desde este 11 de Xuño na Casa da Cultura de San Ciprián e na Casa do Concello; e sen este permiso queda completamente prohibido facer lume.

Villares recordou que o obxectivo que se pretende “é levar un control de todas e cada unha das fogueiras que van estar activas nesa noite de San Xoán, para que se fagan en base ás normas básicas de seguridade e convivencia; tendo en conta que no noso Concello é habitual contar con máis de 100 lumes activos nesa noite”.

No caso das fogueiras, terán que facerse sempre a máis de 15 metros de distancia de vehículos, árbores, fachadas, edificios ou calquera construción e nunca debaixo de liñas eléctricas. Nunca se deberán utilizar sustancias inflamables para prender o lume nin tampouco se poden botar papeis ou tecidos con pouco peso, xa que o aire pode levantalos e facer que inicien un lume incontrolado noutro punto.

Tampouco se deben botar pneumáticos, plásticos e outros elementos altamente contaminantes. E por suposto, unha vez rematada a festa é moi importante asegurarse de que o lume está completamente apagado.

Especial mención merecen os saltos nas fogueiras, que deberán realizarse con extrema precaución utilizando calzado e vestimenta axeitada, e sempre valorar as posibilidades de saltar segundo o tamaño da fogueira, así como as condicións físicas e a idade do individuo.

Lembrar que a colaboración cidadá resulta fundamental e que para calquera emerxencia cómpre chamar ao 112.

Etiquetas