Skip to main content
ActualidadeTrabada

Inaugurado o centro de maiores de Deputación e Concello en Trabada, que conta xa con 19 usuarios

Por 14 Xuño, 2019Sin comentarios

Estes días tivo lugar a inauguración do centro para maiores que Deputación e Concello construíron no municipio de Trabada que conta xa con 19 usuarios. No acto participou a Deputada e Rexedora municipal en funcións, Mayra García Bermúdez, e o Deputado en funcións, Lino Rodríguez Ónega, acompañados doutras autoridades así como de veciños e veciñas do Concello e da bisbarra interesados por coñecer as instalacións e servizos que ofrece esta dotación social. O perfil medio do usuario é dunha muller de 81 anos, veciña do municipio de Trabada, que destina 700 euros á súa praza de residencia. Dos 19 usuarios, 12 xa están desfrutando dos servizos do centro e 7 farano ao longo da vindeira semana.
Do total, 12 son veciños de Trabada, 2 de Viveiro, 2 de Lourenzá, 2 de Cervo e 1 de Foz, que teñen entre 70 e 98 anos de idade e que destinan á súa praza dende os 0 euros, dunha veciña que non cobra ningún tipo de prestación, ata os case 1.200 euros.
García Bermúdez explicou que “hoxe é un día de celebración e alegría para os veciños de Trabada, así como para os da Mariña, pois despois de varios anos por fin culminamos cun dos proxectos máis importantes para o futuro da provincia. Dende o Goberno da Deputación decidimos construír na provincia unha rede de residencias e centros de días públicos para os nosos maiores pois existe unha necesidade real de desenvolver este tipo de servizos. A través destes proxectos, facemos fronte a un dos principais problemas aos que nos enfrontamos en Lugo é o envellecemento da poboación que, engadido á dispersión no territorio, produce o éxodo do rural cara o urbano e reduce o crecemento demográfico”.
A Rexedora informou que “as incorporacións vanse facendo pouco a pouco para respectar o período de adaptación das persoas, para non masificar o centro de golpe. Por iso, procuramos que o mesmo día non entre un volume moi elevado de usuarios, senón que vaian accedendo de forma escalonada para que se poidan ir coñecendo e a adaptación sexa o máis sinxela posible”.
O prazo de solicitudes para acceder ao centro de Trabada continúa aberto. O proceso de valoración estano a desenvolver traballadores sociais do Concello e Deputación, que avalían as necesidades e situación de cada maior para establecer o prezo en función da súa capacidade económica, pois fixouse que sempre conten cun 25% dos seus ingresos libres para o seu día a día. Os interesados poden solicitar toda a información e formalizar as súas solicitudes a través do propio Concello.
A residencia de Trabada é un centro adaptado ás persoas, aberto, os usuarios que teñen autonomía poden entrar e saír cando así o desexen e seguir facendo a súa vida habitual, por exemplo, non hai un horario fixo para as comidas, senón que hai uns marxes para que as persoas poidan adaptarse, sempre baixo unhas normas básicas de convivencia.
Durante o primeiro mes, establécese un plan de atención individualizada, supervisando cales son as necesidades, como evoluciona e se adapta cada usuario, ou que actividades encaixan máis co perfil de cada persoa para o desenvolvemento da súa autonomía. A partir do primeiro mes xa teñen un plan específico que se mantén no tempo.
O Concello de Trabada e a Deputación acordaron os convenios marcos e específicos de funcionamento do centro de maiores, así como o regulamento de acceso e a ordenanza de prezo público. Estes son os documentos que garanten a xestión pública dos centros dende a Deputación, que as prazas sexan de xeito preferente para os veciños do Concello, en segundo termo para os da bisbarra, e por último para lucenses en xeral. Tamén garante que todos os veciños poidan acceder ás prazas. A Deputación financiará ata un máximo de 600 euros. No caso de que esta cantidade sexa insuficiente, o organismo provincial achegará o déficit económico co fin de garantir o acceso universal de todos os lucenses á residencias e centros públicos da Deputación nos Concellos.