Skip to main content
ActualidadeRibadeo

Aberta en Ribadeo a residencia con prazas de acceso universal para lucenses

Por 17 Xuño, 2019Sin comentarios

A residencia de Ribadeo, financiada pola Deputación e o Concello, abriu as súas portas este venres coa entrada dos primeiros 8 usuarios. Trátase do terceiro centro que abre na provincia -logo dos de Trabada e Pol- cun modelo pioneiro xestado polo Presidente da Deputación en funcións, Darío Campos Conde, que dende o primeiro momento defendeu que as residencias construídas con fondos de todos os lucenses debían ser para os lucenses e con prezos adaptados á súa capacidade económica, para que ningún maior se quedara sen poder acceder a esta prestación polos seus ingresos. Ante a negativa da Xunta a colaborar para financiar ao 50% as prazas, Campos Conde decidiu traballar directamente cos Concellos para que esta prestación fora posible, acadando prezos adaptados e vantaxosos para os lucenses.
No acto participou a deputada de Economía e Facenda en funcións, Mayra García Bermúdez, en representación de Campos Conde -que non puido acudir por motivos familiares- e o alcalde de Ribadeo en funcións, Fernando Suárez Barcia, así como representantes da Plataforma de Veciños en Defensa da Residencia, acompañados doutras autoridades e veciños e veciñas do municipio e da bisbarra interesados por coñecer as instalacións e servizos que ofrece esta nova dotación social. O perfil do usuario é dunha muller de 84 anos, veciña de Ribadeo, e que destina 851 euros á súa praza de residencia.
Na xornada de hoxe entraron os primeiros 8 usuarios deste centro e a vindeira semana está previsto o ingreso doutros 8 maiores. Nestes intres, xa están aprobadas un total de 30 solicitudes para acceder a esta residencia. Os veciños que hoxe ocuparon as primeiras 8 prazas son todos de Ribadeo, e teñen entre 72 e 92 anos de idade, destinan á súa praza dende os 141 euros, ata os 1.338 euros.
García Bermúdez remarcou que “hoxe os veciños de Ribadeo viven un momento histórico, e ao mesmo tempo unha xornada chea de ledicia e de gratitude. Por un lado, os nosos maiores poden por fin desfrutar dunhas dotacións públicas e de calidade, despois de todos os atrancos que viviu este proxecto. E por outra banda, damos resposta as necesidades sociais deste concello, reforzando os servicios e as dotacións públicas desta vila, para que os nosos maiores poidan vivir con dignidade na súa localidade. É de xustiza, meréceno”.
A deputada en funcións explicou que “dende o Goberno da Deputación decidimos construír na provincia unha rede de residencias e centros de día públicos para os nosos maiores pois existe unha necesidade real de desenvolver este tipo de servizos. Ao longo deste 2019 xa abrimos os centros de Pol e Trabada, e hoxe entran os novos usuarios da residencia de Ribadeo. Polo tanto insisto, respondemos ás demandas dos concellos e dos veciños, e sobre todo devolvemos a débeda que temos cos nosos maiores, ofrecéndolles unhas instalacións no seu entorno, e asequibles a todos os usuarios”.
O prazo de solicitudes para acceder á Residencia de Ribadeo continúa aberto. O proceso de valoración estano a desenvolver traballadores sociais do Concello e Deputación, que avalían as necesidades e situación de cada maior para establecer o prezo en función da súa capacidade económica, pois fixouse que sempre conten cun 25% dos seus ingresos libres para o seu día a día. Os interesados poden solicitar toda a información e formalizar as súas solicitudes a través do propio Concello.
O Concello de Ribadeo e a Deputación acordaron os convenios marcos e específicos de funcionamento da Residencia, así como o regulamento de acceso e a ordenanza de prezo público. Estes son os documentos que garanten a xestión pública dos centros dende a Deputación, que as prazas sexan de xeito preferente para os veciños do Concello, en segundo termo para os da bisbarra, e por último para lucenses en xeral. Tamén garante que todos os veciños poidan acceder ás prazas. A Deputación financiará ata un máximo de 600 euros. No caso de que esta cantidade sexa insuficiente, o organismo provincial achegará o déficit económico co fin de garantir o acceso universal de todos os lucenses á residencias e centros públicos da Deputación nos Concellos.