Skip to main content
ActualidadeDeportes AMARIÑAXAViveiro

A rítmica vivariense conquista o subcampionato galego

Por 19 Xuño, 2019Sin comentarios

O Club Ximnasia Viveiro fíxose coa medalla de prata no campionato de Promoción celebrado en Ourense. Este segundo posto na competición autonómica foi logrado polo conxunto benxamín, conformado polas ximnastas Ruth Palmeiro, Adriana Pérez, Icía Lage, Ángela Martínez, Martina Collazo e Icía Mariño.
As viveirenses actuaron o domingo, a última hora do serán, sobre o tapiz disposto para a ocasión no Pavillón dos Remedios. O magnífico exercicio executado polo equipo da Mariña na cidade das Burgas consolídao entre a elite galega da súa categoría. Este mesmo conxunto xa se alzou o pasado ano coa medalla de bronce no campionato escolar prebenxamín organizado en Marín (Pontevedra), logrando así o pase directo ao nivel de Promoción, no que continúan a colleitar abondosos éxitos.
Hai pouco tempo, estas mesmas ximnastas conseguían subir ao primeiro caixón do podio na competición provincial de Lugo, celebrada en dúas fases entre as vilas de Foz e Monforte. Nesta ocasión as benxaminas de Viveiro proclamáronse campioas ao quedaren por diante do Club Quicela monfortino e mais da Asociación Deportiva Aixa de Sarria.
No torneo galego de hai escasos domingos as viveirenses foron superadas unicamente polo Club Pavillón Ourense, sendo o bronce para o Club Milenium da Coruña. Esta medalla de prata das de Viveiro ábrelles a porta dun novo ascenso, desta volta ao nivel de Base, dende onde poderán optar a participar no campionato español que terá lugar en Pamplona-Iruñea no mes de novembro.
O vindeiro venres día 21 de xuño, a partir das 17.15 horas, as subcampioas galegas participarán na exhibición final de curso xunto ao resto das súas compañeiras do Club Ximnasia Viveiro. O pavillón Antonio Tarrío acollerá este evento de peche da tempada no que tamén intervirá o conxunto alevín, que obtivo un meritorio oitavo posto nunha das categorías máis competidas do campionato autonómico de Ourense.