Skip to main content
ActualidadeRibadeo

O primeiro premio do certame de Banda Deseñada AX1 de 12 a 15 anos recaeu nun neno ribadense

Por 19 Xuño, 2019Sin comentarios

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou no acto de entrega dos premios de Banda Deseñada AX1 e de Ensaio Subversivo Guillerme Domínguez, que tivo lugar na biblioteca do IES Arcebispo Xelmírez I. Ambos os certames chegan con esta á súa séptima edición, convocados por este instituto compostelán en colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo e coa Asociación Cultural Colectivo Xelmírez.
Valentín García reiterou que “con iniciativas como estes galardóns que estimulan a creatividade da xente nova en galego e o pensamento crítico expresado na nosa lingua” e deulles os parabéns tanto aos premiados como ao profesorado que organiza os certames.
No acto interviñeron, ademais do secretario xeral de Política Lingüística, Manuel Portas, director do IES Arcebispo Xelmírez I e presidente do Colectivo Xelmírez, e as profesoras Berta Mata e Sagrario Torrado, coordinadoras e secretarias dos certames de Ensaio Subversivo Guillerme Domínguez e de Banda Deseñada AX1, respectivamente. Na mesa que presidiu o acto estiveron tamén Elia Vivero, viúva do profesor Guillerme Domínguez, profesor que lle dá nome ao premio de ensaio e en cuxa honra se convoca, e os membros do xurado Eva Mejuto e Armando Requeixo.
Na categoría de 12 a 15 anos, o primeiro premio do certame de banda deseñada AX1 recaeu en Marco Tripiana González, do IES Dionisio Gamallo de Ribadeo, pola obra Dende o meu cuarto, que trata a temática do ciberbullying. O segundo premio foille outorgado a Ignacio Uribarri González, do Colexio Peleteiro de Santiago de Compostela, pola proposta Xemelgos, que aborda as temáticas do acoso escolar e do Camiño de Santiago.
Na categoría de 16 anos en diante do mesmo certame, fíxose co primeiro premio Cristina Gancedo Prieto, do IES Lucus Augusti de Lugo, pola banda deseñada As perlas do camiño, tamén centrada no Camiño de Santiago. A obra merecente do segundo premio foi Todos temos demos, de Adriana López Bazarra, alumna do IES A Xunqueira I de Pontevedra, que tratou os temas do acoso escolar e da autosuperación.
En canto ao Premio de Ensaio Subversivo Guillerme Domínguez, o xurado outorgoulle unha mención especial a Coral Carballedo Roca, do IES Lucus Augusti de Lugo, polo seu traballo O prodixio e o autismo unidos.
Os dous certames cuxos premios xa se entregaron convócanse anualmente desde o ano 2012 mercé á colaboración entre a Consellería de Cultura e Turismo, o IES Arcebispo Xelmírez I e a Asociación Cultural Colectivo Xelmírez, integrada por profesorado e alumnado do dito centro educativo. Os seus obxectivos son incentivar o espírito crítico entre a mocidade e dinamizar o seu compromiso coa nosa época e coa nosa lingua, así como fomentar o mundo da creación plástica como vía de expresión e manifestación da xente nova.