Skip to main content
ActualidadeBurela

O PP burelés asegura que “a reforma do pavillón Vista Alegre non estará lista ata setembro do 2020"

Por 20 Xuño, 2019Sin comentarios

Os concelleiros electos do PP burelés aseguraron hoxe que “segundo a documentación que o propio Alfredo Llano remitiu ao Grupo Municipal do PP o pasado 7 de xuño, as obras de remodelación do pavillón Vista Alegre non rematarán ata setembro de 2020”. De feito, “está previsto que comecen as obras entre marzo e abril do vindeiro ano, o que demostra que Llano está lanzando continuamente cortinas de fume para tapar a súa absoluta falla de xestión”.
Os populares aseguran que “o único que fixo o alcalde foi encargar á empresa habitual, Into Galicia Consulting, unha memoria xustificativa para sacar a concurso a redacción do proxecto construtivo. E a simple redacción do documento  terá un custo de 63.978’75€, para o que non hai partida nos orzamentos do presente ano e que a día 7 de xuño estaba sen informar por parte de intervención”.
Tamén engaden que “non obra no Concello ningún escrito da Liga Nacional de Fútbol Sala de concesión de ningunha moratoria para realizar as obras”.
Desde o PP burelés afirman que “as obras de reforma e ampliación do Vista Alegre terán un custo que pode chegar aos 1.817.882’50 euros. Para abordar esta obra, e polo tanto este importe, non hai nestes momentos financiación por parte do Concello; xa que ademais de non haber partida orzamentaria suficiente no presuposto do presente ano, tampouco se iniciou ningún expediente para mobilizar o remanente de tesourería. Pero é que ademais non hai ningún compromiso de financiación por parte de ningunha administración, xa que non consta que o alcalde se dirixise a ninguén cunha proposta por escrito, seria e rigorosa, con diversas formas de colaboración entre institución e polo tanto de financiación. E sen cartos non resulta moi doado facer obras”.
Os edís electos do PP aseguran que “Llano sabía desde 2016 cales eran as condicións que solicitaba a Liga Nacional de Fútbol Sala. Non fixo nada de nada neste tempo, e agora, cando o tempo apremia, aínda pretende rematar a obra en setembro do ano próximo”, lamentan.