Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXA

Finalizou a formación en inglés para os distintos axentes turísticos da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense

Por 21 Xuño, 2019Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

Finalizaron os dous cursos de formación gratuíta ofrecidos pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense baixo o convenio asinado coa Axencia de Turismo de Galicia, e dirixida nesta ocasión aos distintos axentes turísticos do territorio e ao persoal de cociña, en activo ou desempregados vinculados ao sector, coa finalidade de mellorar a atención en inglés e a oferta gastronómica apostando polo produto local. Foron os docentes de Hostelería e o departamento de Inglés do IES de Foz os encargados de transmitir o coñecemento e experiencia aos asistentes.
Dende a Mancomunidade consideran que “a formación é un factor determinante na actividade do sector hostaleiro e turístico en xeral. Con estas actividades formativas pretendeuse dotar aos establecementos de restauración das ferramentas, métodos e información necesarias para adecuarse ás condicións cambiantes do mercado actual así como para mellorar a súa competitividade”.
O Taller de Inglés básico para axentes turísticos, que tiña por obxectivo favorecer unha mellora na atención do cliente estranxeiro, foi impartido en Viveiro e Foz, localidade esta última na que foi realizada unha segunda edición ante a demanda recibida. En total, participaron 26 axentes do sector turístico, principalmente dos ámbitos do aloxamento e a restauración, mais tamén doutros sectores relacionados coa actividade como comercio, taxis, Policía Local e información turística.
O Curso práctico para a mellora da oferta gastronómica en produto local, que tiña por obxectivo o fortalecemento e aposta polo produto local como elemento diferenciador da gastronomía do territorio, chegou a un total de dez persoas ligadas a establecementos de hostalaría procedentes basicamente de concellos da Mariña Central e Oriental. As persoas asistentes valoraron moi positivamente esta acción formativa.
Os participantes nos dous cursos, que demandan a continuidade deste tipo de accións cunha maior duración, valoraron positivamente o horario, a localización, as aulas e materiais empregados nas distintas clases impartidas, a implicación da Mancomunidade, da organización e do profesorado así como o nivel de aprendizaxe e utilidade do mesmo.
As accións formativas tiveron unha boa acollida entre as persoas participantes, que as valoraron positivamente e amosaron o seu interese en continuar formándose.
No 2019, a Mancomunidade da Mariña Lucense ten previsto convocar novos cursos para hostalería, e para iso as persoas interesadas poderán suxerir tamén algún tema ou curso do seu interese escribindo un correo a turismo@amariñalucense.gal.