Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXA

Aprobada por unanimidade a proposta do BNG para que a Xunta e o Estado medien no conflito laboral de Babcock

Por 22 Xuño, 2019Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

A proposición non de lei defendida pola deputada do BNG, Montse Prado para instar á Xunta e ao Estado a mediar no conflito laboral da concesionaria do servizo de helicópteros, Babcock, antiga INAER, foi aprobada hoxe por unanimidade na Comisión de Pesca.
A parlamentaria nacionalista lembrou que os traballadores e traballadoras iniciaron unha folga o pasado 17 de maio que continuaron cun calendario de paros ao longo do mes que se prolongarán durante os meses  xuño e xullo no caso de non atender as súas demandas.
Os traballadores e traballadoras, explicou  a deputada do BNG, “non aceptan a redución salarial e denuncian a precarización progresiva do servizo con recortes no cadro e persoal en talleres e tripulacións así como a falta de pezas de reposto”, circunstancias que   inciden na prestación do servizo e eliminan dereitos laborais adquiridos.
A deputada insistiu en que a Xunta de Galiza mantén contratos millonarios coa empresa e “non pode poñerse de perfil” ante os problemas dos traballadores e traballadoras. Os cartos públicos, recalcou Prado, non poden  “fomentar a precariedade laboral” polo que incidiu na necesidade dun compromiso por parte da Xunta para resolver a situación, compromiso que será ademais trasladado ao Estado.
Na súa intervención criticou que a primeira solución da conselleira de Mar, Rosa Quintana fora a aplicación de servizos mínimos ao cen por cen dos traballadores que operan habitualmente nos labores de salvamento marítimo e contra os incendios forestais.
Trala aprobación da iniciativa nacionalista, que aceptou unha emenda de engadega do Partido popular, o Parlamento insta á Xunta de Galiza a mediar para que o conflito se resolva favorablemente para os intereses que demandan os traballadores  e se garanta a calidade do servizo. O acordo será trasladado ao Estado para iniciar as xestións na mesma liña e dentro das súas competencias, polo que ambas administracións traballarán conxuntamente.