Skip to main content
ActualidadeBurela

As praias de Burela contarán con oito socorristas, durante dous meses, sufragados pola Administración

Por 24 Xuño, 2019Sin comentarios

Os concelleiros do PP no Concello de Burela aclaran que a Xunta de Galicia está a incrementar esta anualidade a súa colaboración coa competencia municipal de salvamento e socorrismo en praias pese a que o alcalde socialista, Alfredo Llano, prefira centrarse unha vez máis na mentira”.
Os populares explican que a Xunta de Galicia financiará este verán un total de oito socorristas, que vixiarán os areais de Burela por una período de dous meses, o que implica unha colaboración por parte do Goberno galego superior aos 28.500 euros.
Os edís electos poñen en valor o compromiso do executivo que dirixe Alberto Núñez Feijóo, que permite que a localidade conte grazas á Xunta esta anualidade cun socorrista máis que no 2018, “non menos como di o alcalde” e durante o mesmo tempo. Deste xeito, a achega supera en 4.206 euros á de 2018.
Os populares consideran que o bo funcionamento dun Concello pasa pola colaboración entre institucións. Ademais, amósanse críticos coa actitude do PSOE asentada “non só na mentira, senón tamén no pasotismo”, xa que “ano tras ano limítanse a repetir as mesmas queixas sobre a insuficiencia no número de socorristas, pero dende o Concello non actúan para remedialo”. Os populares informan que dende o Concello se poderían acoller por exemplo a cursos de formación gratuítos que ofrece a Xunta de Galicia para paliar o déficit de profesionais neste eido, “como si fan outros Concellos, pero que dende Burela non se solicitan”.
Polo tanto, os concelleiros agradecen esta iniciativa colaboradora por parte da Xunta que cada ano se “volve máis necesaria e importante, pois a nosa zona cada vez recibe un maior número de visitantes que elixen os nosos areais”.