Xove ofrece un amplo programa de actividades de verán

O abano de opcións de desfrute para este verán previstas polo Concello de Xove, en colaboración coa asociación deportiva e cutural da localidade, é variado e amplo. O venres, 21 de xuño, o alcalde, Demetrio Salgueiro, e o presidente do colectivo mencionado, José Manuel Blanco, presentaron o programa que inclúe actividades para tódalas idades.
Aparte dos deportes de todo tipo, incluíndo a modalidade ‘zumba’ de baile e o pilates, os veciños e os veraneantes poderán apuntarse a obradoiros de memoria. Destaca o denominado proxecto Vexo Xove, para o que precisan a colaboración de persoas de entre 14 e 30 anos, que asistirán a obradoiros sobre conservación do medio natural e de fotografía, así como a unhas xornadas sobre a historia da costa local.
Prevese ademais fomentar a reciclaxe coa recollida de tapóns de plástico e o voluntariado para que participen os maiores de 16 anos.
Os adolescentes desfrutarán das mañás divertidas, así chamadas, que estarán a cargo de cinco voluntarios xuvenís coas que os inscritos aprenderán a cociñar e practicar distintos xogos no exterior, ademais de obter coñecementos básicos en robótica e informática.
Hai programada unha ruta nocturna en bicicleta para o 9 de xullo, con saída dende a praza do centro cívico xovense, ás 21.00 horas, organizada polo club Komando Xoviético. Tamén a partir da mesma hora, pero do día 16 de xullo, o clube de natación local invita a desfrutar de actividades acuáticas na piscina municipal.
Os xogadores de bolos federados teñen unha cita con este deporte en Xove o 22 de xullo, ás 20 horas, no centro social de Vilachá, e o día seguinte, xogarán os non federados, grazas a un torneo organizado pola asociación de festexos A Medorra e o Club de Bolos.
Xa para o vindeiro mes de agosto hai previstas máis opcións, coma unha camiñata e unha ruta en kayaks, ambas as dúas nocturnas, partidos de badminton en familia e sendeirismo.
Ao longo do mes de xullo desenvolveráse un curso de pádel e cada domingo do mesmo periodo, na praia de Lago, organízanse actividades acuáticas polo serán. Neste sento, a praia de Portocelo acollerá o 4 de agosto unha festa con inchables.
Pero xa neste mes de xullo comezan cursos para xente nova coma os de informática que durarán dous meses, tamén se vai xogar o paintball o dia 6, haberá un campamento de tres días e en agosto, a xuventude viaxará a Cerceda e á cova do Rei Cintolo, en setembro.
O alcalde, Demetrio Salgueiro, acompañado da concelleira de servizos sociais, Ana Abad, e da concelleira de xuventude Cristina Iglesias, presentaron o programa de actividades de verán e destacaron que son gratuítas. Para moitas é importante inscribirse previamente de xeito que, tanto para anotarse, coma para informarse, as persoas que estean interesadas en participar poden chamar á oficina de información xuvenil do goberno local, ao teléfono 982.571.816.

Etiquetas