Skip to main content
ActualidadeBarreiros

O colexio de San Miguel de Reinante celebra as súas bodas de ouro no ensino

Por 28 Xuño, 2019Sin comentarios

O principal colexio de Barreiros en canto a número de alumnos, como é o de San Miguel de Reinante, dirixido por Clara Álvarez, está de aniversario. Concretamente celebra 50 anos adicado ao ensino e vendo pasar polas súas aulas a miles de rapaces. O pasado 29 de xuño, pais, nais, alumnado e profesorado do centro desfrutaron dunha festa na que lembraron as orixes desta escola, aló polo 1968. Baixo o lema ’50 anos aprendendo xuntos’, participaron os antigos alumnos e profesores nun intercambio de experiencias cos que acaban de rematar o curso.
Non faltou a actuación do Arco da Vella, coa súa música e bailes tradicionais, e os nenos desfrutaron dos inchables nas instalacións do centro, que inclúen un gran patio, un pavillón, unha horta e un comedor escolar. A asociación de pais e nais e o Concello colaboraron para facer posible esta cita.
Ademais, en xuño tamén e para rematar o curso, tendo como telón de fondo o 50 aniversario, os rapaces visitaron o barco de Burela e participaron en obradoiros de ciencia divertida.
O centro está orgulloso da participación exitosa que acada cada ano nos certames de cooperativismo autonómicos. A xefa territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Pilar Fernández López, entregou hai uns días os galardóns aos estudantes barreirenses deste colexio que resultaron premiados. No acto estivo tamén presente a alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, e a concelleira Carmen Veiga. Neste concurso, os escolares lograron un primeiro premio e tres accésits por un montante total de 7.000 euros.