As colonias de verán da casa da xuventude de Ribadeo participaron nos obradoiros infantís camiño verde

O obradoiro de emprego Ribadeo co Camiño acolleu esta semana dúas xornadas dedicadas á reciclaxe,  ao medio ambiente e á promoción do Camiño de Santiago con nenos e nenas das Colonias de Verán da Casa de  Xuventude.

Os participantes do obradoiro de emprego puideron desenvolver un proxecto didáctico conxunto entre os dous módulos de Accións Culturais e Xardinería, que supuxo unha forma de aprendizaxe activa e participativa. Os alumnos/traballadores que reciben formación no Certificado de Profesionalidade de Dinamización, Programación e Desenvolvemento de Accións Culturais tiveron a oportunidade de organizar o colectivo infantil, preparar talleres ambientais e, en xeral, todos os labores relacionados coa organización das xornadas. Pola súa banda, os participantes que reciben formación do Certificado de Profesionalidade, Instalación e Mantemento de Xardíns e Zonas Verdes acondicionaron os espazos axardinados para o desenvolvemento das xornadas.

Na mañá do xoves corenta nenos e nenas das Colonias de Verán ribadenses achegáronse a Vilela (Cobelas) para gozar dos talleres de identificación de especies arbóreas, plantación dun espazo botánico de arbustos de froitos silvestres e elaboración de bombas de sementes. Os rapaces e rapazas foron guiados polos participantes no obradoiro de emprego e puideron levar para a casa un  mini herbario de especies autóctonas. A práctica da que máis gozaron foi o momento da batalla campal á deforestación, co lanzamento de bombas de semente no espazo de carballeira.

E o venres un total de 47 rapaces e rapazas participaron na xornada da reciclaxe  ao longo do Camiño de Santiago, concretamente na contorna do albergue da Pena. Gozaron de tres talleres de reciclaxe, construción de hoteis de insectos, hortos ecolóxicos e obradoiro de reutilización.  A mañá deu comezo co percorrido dun tramo do Camiño de Santiago recollendo lixo para desenvolver o taller de reutilización de residuos; as rapazas e rapaces aprenderon a converter unha botella de auga nunha maceta de autorego sobre a que plantaron unha leituga e levárona para ás súas casas. Así mesmo puideron construír hoteis de insectos con madeiras vellas e caixas de cartón que colocaron para contribuír ao incremento da biodiversidade de especies. Na contorna do albergue municipal da Pena construíuse un horto ecolóxico con  palés de madeira desbotables sobre os que os participantes puideron plantar hortalizas e decorar a madeira.

O proxecto didáctico Obradoiros Camiño Verde serviu aos participantes do obradoiro de emprego para experimentar unha forma de aprendizaxe participativa e colaborativa e aos nenos e nenas das Colonias de Verán serviulles como experiencia de concienciación ambiental. Sobre todo foron dúas xornadas  de sensibilización ambiental e promoción do Camiño de Santiago ao seu paso por Ribadeo para todos os participantes en xeral, segundo explican desde a dirección do obradoiro de emprego.

Etiquetas