Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXA

Máis de cen mil galegos recibiron unha herdanza o ano pasado

Por 5 Xullo, 2019Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

A directora da Axencia Tributaria de Galicia, María Victoria González, cifrou en 105.0000 os galegos que recibiron unha herdanza en 2018 e non pagaron nin un euro do imposto de sucesións á Xunta de Galicia, segundo afirmou.
O número de persoas que quedaron exentas de tributar aumentou un 7,2% respecto ao ano anterior. Este incremento débese ao novo crecemento dos pactos sucesorios –coñecidos como ‘herdanzas en vida’-, que en 2018 volveron acadar o seu récord histórico ata chegar ás 30.486 autoliquidacións.
González presentou no Parlamento a memoria de actividades do seu departamento. Entre os datos salientables destaca que outros 21.800 galegos se beneficiaron do programa Impostos cero no rural, que permite, segundo sinalou a titular do departamento, transmitir terreos rústicos, ampliar explotacións ou adquirir unha vivenda a determinados colectivos, sen pagar impostos.
Os fogares galegos aforraron o pasado ano 99 millóns de euros grazas a estas baixadas fiscais. Estes 99 millóns son recursos que quedaron en mans dos fogares galegos “co obxectivo de reactivar o consumo interno e manter íntegro o patrimonio das familias en caso de perda dun familiar directo”, sinalou a directora da Atriga.
A memoria da Atriga confirma que a Xunta aflorou 180,1 millóns de euros de débeda non declarada a través das actuacións de control fiscal que realiza este organismo, cun aumento do 25% respecto a 2017, un incremento que se debe ao efecto positivo das actuacións iniciadas pola Administración galega nos últimos anos e finalizadas no ano 2018.
A memoria ratifica que en 2018 o 93% das autoliquidacións revisadas pola Administración galega eran correctas e non precisaron modificacións, e só no 7% dos casos a Atriga modificou a autoliquidación presentada. Este indicador coincide co do anterior exercicio –o 92% de autoliquidacións correctas-, polo que se ratifica que a inmensa maioría dos contribuíntes en Galicia pagan correctamente os seus impostos. E no eido da inspección, en
2018 a Atriga realizou 1.121 actuacións de inspección -incluíndo actas de inspección e procedementos sancionadores-, o que permitiu acadar un importe de 83,1 millóns.
A memoria da Atriga tamén mostra que o 81,1% das autoliquidacións de impostos no ano 2018 foron confeccionadas por vía electrónica, fronte ao 18,9% que foron confeccionadas en papel. Esta porcentaxe supón un récord na historia da Axencia Tributaria de Galicia, ao superar a cifra do ano anterior (69,9%) e a de todos os exercicios precedentes.