Skip to main content
ActualidadeMondoñedo

A alcaldesa de Mondoñedo traslada a Fomento e á subdelegada do Goberno o seu interese por arranxar a N-634

Por 9 Xullo, 2019Sin comentarios

A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, mantivo unha reunión de traballo coa subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, e co xefe da Demarcación de Carreteras del Estado en Galicia, Ángel González del Río, na que lles volveu trasladar o seu interese polo arranxo da estrada nacional N-634 ao seu paso polo termo municipal mindoniense.
A rexedora de Mondoñedo recorda que “a estrada nacional N-634 é a alternativa que se usa cando a autovía A-8 pecha por mor da intensa néboa que se acumula no Fiouco e o seu mal estado impide unha circulación en condicións de seguridade”.
Candia interesouse tamén polo seguimento doutros proxectos a desenvolver no municipio para os que xa se estableceron partidas económicas nos Orzamentos do Estado. Concretamente, a alcaldesa popular preguntou pola solución ao problema coas escorrentías da A-8 en Vedrós e O Carme.
A xuntanza serviu, ademais, para asinar a cesión ao Concello de Mondoñedo da titularidade de dous tramos da antiga N-634 nas parroquias de Sasdónigas e San Vicente coa finalidade de poñelos á disposición da administración local, tal e como viñan demandando os veciños e veciñas.
Tralo remate fai uns meses das actuacións de asfaltado e repintado solicitadas ao Ministerio de Fomento, agora o Concello asinou as actas de cesión que permitirán a redución da burocracia aos veciños e veciñas. A partir de agora será o Concello o responsable de explotación e conservación da vía.