Clarexan que doce camas do Hospital están pechadas por obras

O deputado autonómico do PP, Daniel Vega, defende “a calidade dos servizos que presta o Hospital da Mariña” tamén durante a época estival. De feito, explica que “é falso que no verán se pechen camas no centro hospitalario da nosa comarca”. Así responde o popular ás críticas aclarando que “por mor das obras de ampliación e renovación integral do Hospital da Mariña nas que o Sergas inviste máis de 14 millóns de euros, e non por ser verán, están inhabilitadas 12 camas”. Isto débese a que “o Sergas está a reformar e modernizar dúas plantas do antigo edificio”.

Estas obras correspóndense coa segunda fase de mellora do Hospital da Mariña impulsadas polo Goberno galego e que permitirán remodelar os espazos interiores do edificio antigo, a zona de hospitalización e das áreas cirúrxicas; ademais de reformar a área de diálise, do hospital de día médico e a área administrativa; modernizar as 30 habitacións actuais e a creación de novos locais de consultas externas e gabinetes de exploracións. Deste xeito, “os pacientes da nosa comarca contarán cun centro hospitalario máis moderno e con mellores servizos”, matiza.

Vega recorda que “a primeira fase do proxecto de ampliación contou cunha achega de 10,5 millóns de euros para aumentar a superficie do centro hospitalario en 6.000 metros cadrados e incrementar a súa carteira de servizos”. 

O deputado mariñán no Parlamento galego pon en valor o investimento de  máis de 2 millóns de euros que o Servizo Galego de Saúde dirixe para a adquisición de equipamento electromédico e mobiliario novo para o Hospital da Mariña.

O parlamentario popular explica que “o Sergas dota de novos equipos electromédicos ao Servizo de Oftalmoloxía, ademais de investir na adquisición de equipos de endoscopia ou novo equipamento para o Servizo de Farmacia; ademais de novo mobiliario para as áreas de hospitalización e consultas do novo edificio. Igualmente, dotarase ao Hospital da Mariña de equipos sinais biomédicas e de novo equipamento e máis mobiliario para a segunda fase das obras que se están a executar e que afectan ás plantas de hospitalización do edificio vello”.

Igualmente, o popular sinala o investimento de máis de 2 millóns de euros na renovación das fachadas, carpintería exterior e envolventes térmicas que “permitirán mellorar a eficiencia enerxética e dotar ao hospital de illamento térmico e acústico”.

Vega non quere esquecer tampouco que o hospital público da comarca mariñá foi incrementando os seus servizos nos últimos anos coa incorporación de dous equipos de hospitalización a domicilio-coidados paliativos, unidade de retina de oftalmoloxía, hospital de día oncolóxico ou unha segunda sala de endoscopias. “Se a isto engadimos a mellora dos servizos xa existentes, o Hospital da Mariña conta agora cunha ampla carteira de servizos equiparable á dun hospital xeral”, engade.

Finalmente, Vega pon en valor que “o Sergas ten implantado o servizo de hospitalización a domicilio (HADO) que presta aos 14 concellos da área sanitaria a través de dúas unidades que contan con persoal médico e de enfermería”. Polo tanto, “a Mariña xa está toda cuberta por HADO, un servizo que o conselleiro anunciou alcanzar nos vindeiros meses en todas as áreas sanitarias de Galicia”, conclúe.

Etiquetas