Instaladas seis novas estacións meteorolóxicas e pantallas de información en varios concellos

Estanse a modernizar e actualizar os dispositivos para o seguimento e información meteorolóxica e de calidade do aire, polo que durante nas últimas semanas comezaron a instalarse seis novas estacións meteorolóxicas e outras tantas pantallas de información en 11 concellos lucenses.

Sumaranse estacións meteorolóxicas nos concellos de Riotorto, Monforte de Lemos, Cospeito, Portomarín e dúas no Valadouro -unha no casco urbano e outra no Cadramón-. Pola súa banda, as pantallas situaranse en Foz, Sarria, Monforte de Lemos -as tres xa instaladas-, Ribadeo, Lugo e Pedrafita do Cebreiro.

As novas estacións ampliarán a rede de máis de 150 dispositivos meteorolóxicos instalados por toda a xeografía galega. Estas están dotadas con sensores de velocidade e dirección do vento, humidade, presión, choiva, temperatura exterior e tamén temperatura no interior do chan e sobre o chan (a 10 cm de profundidade e a 10 de altura sobre o solo). Deste xeito, reforzan a información meteorolóxica, de cara a detectar fenómenos adversos, elaborar a predición meteorolóxica e outros fines climáticos e agrometeorolóxicos.

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático tamén quere mellorar a información aos cidadáns coa posta en marcha das pantallas dixitais que permiten comunicar datos meteorolóxicos, avisos ante fenómenos extremos ou posibles eventos sobre a calidade do aire.

Estas pantallas, co-financiadas pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, serán instaladas en urbes con elevada poboación e tamén nos concellos polos que discorre o Camiño de Santiago e en zonas costeiras.

A información que proporcionarán as pantallas será específica para o lugar, diferenciando os datos de interese segundo a zona -costa (temperatura da auga, ondas, mareas…) ou interior- e a estación cálida ou fría.

Etiquetas