Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXA

A CiG Saúde denuncia graves carencias en Traumatoloxía e incumprimentos da Dirección de Enfermería

Por 14 Xullo, 2019Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

O peche de camas, algo que nega o SERGAS, ten importantes repercusións tanto no aspecto asistencial como laboral porque dificulta o acceso á asistencia sanitaria, reduce a asistencia cirúrxica, provoca sobrecarga de traballo e incrementa o risco de infeccións ao mesturárense persoas con diferentes doenzas. Pero as consecuencias negativas van máis alá, engade a CIG-Saúde da Mariña, porque o peche de camas e a redución da actividade cirúrxica “aumenta a lista de espera e a presión sobre atención primaria e nos PACs, supón tamén mais presión sobre os profesionais para que fagan máis con menos, reduce os tempos de asistencia porque os cadros de persoal quedan baixo mínimos e incrementa as derivacións á sanidade privada”.
O 21 de xuño dende a CIG-Saúde da Mariña advertíase das consecuencias do peche de camas durante o período estival no hospital: 9 na unidade de hospitalización de cirurxía e 9 na unidade de traumatoloxía, ás que hai que sumar as 12 camas pechadas por obras, “é dicir 30 camas en total”. Malia esta realidade, dende o gabinete de propaganda do SERGAS non se cansan de asegurar que non hai camas pechadas no Hospital da Mariña.
“Se non hai camas pechadas cal é o motivo do recorte de persoal nestas plantas de hospitalización durante os meses de xullo e agosto, en concreto suprimindo unha enfermeira e unha TCAE nas quendas de mañá, tarde e de noite”, pregúntase a CIG, “ou seica durante o verán as nosas compañeiras e compañeiros poden facer o mesmo ou máis traballo con menos persoal”.
A central nacionalista tamén se fixo eco o pasado 2 de xullo das protestas de familiares que se están a rexistrar polo peche de camas e os recortes de persoal, en concreto na planta de cirurxía, que afecta á calidade asistencial “e hoxe vémonos na obriga de denunciar publicamente unha situación semellante na planta de traumatoloxía”. 
Desde este luns, a unidade de hospitalización de traumatoloxía presenta unha ocupación de preto de 20 pacientes (18 durante o mércores e 20 pacientes esta mañá) á espera dun novo ingreso.  As persoas ingresadas na planta son pacientes illados, axitados, polimedicados, pluripatolóxicos e están mesturados con pacientes doutras especialidades, o que incrementa o risco de infeccións, co perigo engadido que este ratio conleva para os propios pacientes e traballadores.
Ao mesmo tempo, sinala o sindicato nacionalista, na planta de traumatoloxía estaban ingresados pacientes de uroloxía tras ser sometidos a unha  RTU con sangrado e soros de irrigación. Isto provocou aínda maior presión asistencial xa que é fundamental comprobar o correcto funcionamento do lavado continuo, revisar de forma periódica o cambio de soro e baleirado da bolsa para evitar obstrucións da sonda vesical, valorar se precisa lavado vesical manual de forma puntual, rexistro das entradas e saídas para valorar o balance, vixiar a  hematuria e signos e síntomas de complicación. “Ademais do control do balance hídrico, o persoal de enfermería debe controlar as constantes vitais, nivel de consciencia,… do paciente para detectar posibles complicacións da forma máis precoz posible”, explican.
A unidade de hospitalización non está a ser reforzada polas tardes e polas noites con persoal de enfermaría e TCAE o que está a provocar a frustración das traballadoras xa que non son capaces de garantir uns coidados mínimos e dignos, ademais de provocar incidentes asistenciais e protestas de familiares ao atrasarse a actividade asistencial básica (cambios posturais, erguer aos pacientes, etcétera), e forzando os profesionais a ter que priorizar os coidados dos pacientes. 
Isto acontece porque a Dirección de Enfermaría incumpre de maneira sistemática o seu compromiso de reforzar o persoal cando a ocupación supera os/as 15 pacientes, tanto na categoría de enfermaría como na de TCAE para así garantir unha atención sanitaria de calidade.
Con este contexto de fondo, a CIG quere poñer en valor o excelente traballo do persoal de enfermaría, TCAE e celadores nesta situación adversa xa que “se non é polo sobreesforzo dos/as profesionais a sanidade pública no Hospital da Mariña xa tería caído, pero ese sobreesforzo está tocando fondo. Á xente non se lle pode pedir día a día esa sobrecarga, cando a xestión dos responsábeis políticos é cada vez máis nefasta”, afirman.
A CIG Saúde reitera que a responsabilidade desta situación “é única e exclusivamente da Dirección de Enfermaría, responsábel directa dos recortes de persoal para aforrar cartos sen importarlle poñer en risco a vida dos pacientes”. Por iso, animan a todos os usuarios e usuarias e presentar reclamacións oficiais a través do servizo de Atención ao Paciente.
Neste senso, aseveran que “resulta inadmisible que unha soa enfermeira e unha TCAE se vexan obrigadas a atender a 20 pacientes ingresados na planta, co risco que este ratio conleva para os propios pacientes e traballadores”, polo que esixen da Dirección de Enfermaría que reforce todas as quendas de traballo con persoal de enfermaría e de TCAE.
A central nacionalista considera que debe primarse o dereito da cidadanía a recibir unha atención sanitaria de calidade pública. E con este obxectivo, “a CIG-Saúde da Mariña estivo, está e estará na defensa da sanidade pública, dos dereitos das traballadoras e traballadores, do dereito dos veciños e veciñas da Mariña a contar con servizos médicos de calidade tanto no hospital como nos centros de saúde da comarca”. E anuncia que non permitirán “ningún recorte máis nos servizos públicos e no benestar social da poboación”.