Xove invita a desfrutar das Festas de Lago

Unha das festas con máis solera da Mariña ten este fin de semana o seu epicentro. A parroquia de Lago, no Concello de Xove, que conta cunha fermosa praia, celebra este fin de semana as súas Festas Patronais en honra á Virxe do Carme e a San Antón.

A organización da Festa corre a cargo da Asociación de Festexos A Granda. O amplo programa de actividades vai comezar o venres 19 de xullo, cunha gran churrascada, con prezos populares, a partires das 20.00 horas no campo da festa, á que están citados tódolos xovenses e visitantes da parroquia nestes días. Cada ración vai incluir: churrasco de porco, medio chourizo vermello, medio chourizo criollo, patacas fritidas e pan.

Despois da churrascada, e para facer unha boa dixestión movendo o esquelete, haberá unha gran verbena coa orquestra Salsarena e co Grupo Arizona. Prevendo unha grande afluencia de público, a organización ten previsto amplos aparcamentos no entorno do campo da festa co fin de facilitar a presenza de tódolos visitantes.

Xa o sábado 20 de xullo, o día adicado á Virxe do Carme, pola mañá haberá sesión vermú a cargo do grupo Alma Latina, e xa pola noite, verbena co grupo Tapyok e Alma Latina.

O domingo 21 de xullo, adicado a San Antón, celebrarase á mañá unha misa solemne ás 13:30 horas e posterior procesión, para rematar cunha sesión vermú prolongada a cargo do Trío Lembranza, coa que se porá punto final ás festas.

A comisión, presidida por Andrés Prieto, quere darlle as grazas a tódalas persoas, institucións, empresas, etc. que desinteresadamente colaboraron coas festas e en especial dar as grazas a tódolos veciños de Lago.

Etiquetas