Skip to main content
ActualidadeBurelaDeportes AMARIÑAXA

A Bomboneira estreará e despedirá a liga de Primeira da seguinte tempada

Por 19 Xullo, 2019Sin comentarios

O Pescados Rubén Burela fai unha valoración das datas que xa hai co calendario deportivo para a nova tempada das Guerreiras Laranxas. A Bomboneira estreará a liga con, nin máis nin menos, que o derbi irmandiño ante o Poio Pescamar FSF, e despediráa o 2 de maio, cun novel, o Bilbo FS.
Esta será a primeira tempada na que o calendario dos dous equipos sénior do Pescados Rubén Burela FS, feminino e masculino, coincidan en apertura e peche. Ademais, a estrea será cento por cento Laranxa, coa inauguración de ambos en Vista Alegre, na primeira de seis xornadas nas que compartirán escenario como locais (xornadas 1, 3, 5, 9, 11 e 13), todas na primeira volta.
O de Poio será o único duelo galego que vivirá a escuadra mariñá arroupada pola Bancada Laranxa na primeira volta; para Cidade das Burgas e Ourense Envialia haberá que esperar ao 1 de febreiro e 14 de marzo respectivamente, nas xornadas 19 e 24. Outra das grandes citas que se poderán gozar na casa antes do ecuador de Nadal será ante o Futsi Atlético Navalcarnero o 30 de novembro, na 12, con volta en La Estación, na 27, o 4 de abril.
Na axenda burelista xa hai outras dúas citas marcadas antes do inicio de liga. O novo duelo de titáns, ante o Futsi, de Supercopa de España está programado para a fin de semana do 7 de setembro. Antes, o 31 de agosto e 1 de setembro, o Pescados Rubén Burela FS disputará en Milán a segunda edición de 4 Nations Futsal Women’s Cup, con Kick Off C5 Femminille, como anfitrión, Laguna-Uor de Rusia e Budstar de Ucraína.