Skip to main content
ActualidadeRibadeo

Ribadeo vive as súas Festas do Carme

Por 20 Xullo, 2019Sin comentarios

As festas do Carme de Ribadeo celebraranse este sábado, día 20, e o domingo 21 nunha nova localización, xunto á lonxa. No programa de festexos hai verbenas, procesión e concerto do grupo Son do Sil. 
O presidente da comisión organizadora dos festexos, Salvador Fernández, anuncia que “as festas do Carme vanse celebrar o sábado 20 e o domingo 21. O sábado 20 ás catro e media da tarde haberá xogos infantís e a todos os que participen darémoslles ao final chocolate con churros. Ás dez e cuarto da noite vai actuar Son do Sil, que xa estivo o ano pasado e volve este; e para rematar na verbena, a partir das doce da noite, temos ao Dúo Diamante”.
Salvador Fernández explica que “o domingo 21, á unha e media, faremos a sesión vermú coa orquestra Trovadores. Ás seis da tarde celebraremos a misa de campaña, na igrexa da Atalaia, e baixaremos en procesión acompañados polo cuarteto Catro Canos, da asociación Amigos da Gaita, subiremos ás lanchas para facer o percorrido pola ría de Ribadeo e deixar a coroa polos náufragos. Pasaremos por diante de Figueras e Castropol e queremos darlle as grazas a Astilleros Gontán porque é un domingo e quedou en que ían tocar as sirenas. No porto vainos esperar a Coral Polifónica de Ribadeo, que vai cantar a Salve Mariñeira e Mariñeiro, despois subiremos á igrexa da Atalaia para deixar alí a virxe. Para rematar, ás dez da noite, empezará a verbena na que tocarán as orquestras Trovadores e Fénix, ata as tres da mañá”.
O presidente da comisión de festas do Carme ribadense sinala que “a nova localización da festa vai ser na explanada a carón da confraría de pescadores, onde aparcan as autocaravanas, porque así non cortamos o paso no paseo marítimo libre, pódese pasar por abaixo e poden saír os coches. Levouse para alí porque veñen dúas orquestras e a anterior localización era un espazo moi pequeno. Ademais así non hai que prohibir a circulación e cantos menos problemas teñamos mellor”.
Salvador Fernández dá as grazas a “todos os que colaboraron con nosoutros, tanto cos escritos do libro do Carme como aos anunciantes, e a outras persoas, como as que están facendo os adornos florais, ás que limparon a igrexa da Atalaia e a outra xente que colaborou con nós. Tamén darlles as grazas ás lanchas que nos van levar a Virxe e ás autoridades, como a todas aquelas outras persoas que nos van acompañar na procesión. Dicir tamén que o domingo imos regalar a pañoleta da festa da Virxe do Carme do 2019 a toda a xente que vaia vestida de mariñeiro ou mariñeira”.
Ademais de Salvador Fernández, da comisión organizadora das festas do Carme de Ribadeo forman parte Lorenzo Ruíz, Alejandro Álvarez, Víctor Cao, José Manuel Arias e Jesús López.