O BNG anima a celebrar na Mariña e en Santiago o Día da Patria Galega

O BNG da Mariña convida á cidadanía  a participar na manifestación en Compostela, o día 25, ás 12 da mañá. Hai disposto un autobús e a xente interesada pode apuntarse chamando ao teléfono 982.140.654 ou no correo amarinha@bng.gal. Así mesmo, desde Galiza Nova animan á mocidade a participar no Festigal, un evento cunha ampla e variada oferta cultural e musical os días 24 e 25 de xullo.

Convidan tamén os nacionalistas a pendurar de fiestras e balcóns a bandeira patriótica, bandeira que se pode adquirir na sede comarcal do BNG.

Baixo o lema Galiza, un novo impulso, celébrase este ano o Día da Patria Galega, e despois do proceso electoral das eleccións municipais no que o BNG afianzou e mellorou as súas posicións na comarca.

Segundo o BNG ábrese agora un novo ciclo político coas eleccións galegas no horizonte, no que o BNG ten como obxectivo liderar un cambio real para Galiza, moi necesario tamén para os intereses da comarca da Mariña. E para lograr ese obxectivo o BNG quere sumar, vila a vila, concello a concello e cidade a cidade, máxime cando no contexto actual se demostra que o nacionalismo é o movemento mais transformador e emancipador para facer fronte á involución antisocial e antidemocrática do Estado español, aseguran.

Etiquetas