A limpeza viaria e a creación do servizo madrugadores, entre as prioridades do BNG de Lourenzá

O pasado 25 de maio celebráronse as eleccións municipais que deron paso ás novas corporacións e o BNG de Lourenzá recibiu, segundo eles mesmos lembran, a responsabilidade que a confianza dos votos dos veciños/as lles deu. Durante a campaña comprometéronse a que pasase o que pasase tentarían facer unha política máis próxima no día a día cos veciños/as e aínda que conten só con 2 concelleiros, ese compromiso non ficará no aire e traballarán, afirman, dende unha oposición responsábel que mire cara a diante e que pense no ben común para facer do concello un lugar mellor e máis cómodo para a vida.

É por iso que cren necesario expór cinco medidas que deben ser acometidas durante os primeiros 100 días de mandato da nova corporación municipal​, medidas que se afastan de intereses partidistas, e como non pode ser doutra forma atenden as inquedanzas que a veciñanza lle demandou ao BNG durante os últimos meses.

A primeira é a do arranxo dos principais viais do concello. Os viais do concello precisan dunha actuación a gran escala. Un comezo sería arranxar os viais que atravesan o centro de Santa María (Travesía da Mariña – Avenida de Mondoñedo…). É de vital importancia para o BNG dar unha imaxe de concello coidado para facelo máis atractivo a visitantes e veciños e crear así unha base de traballo cara a fomentar o turismo.

En segundo lugar, a limpeza de cunetas e viais nas parroquias​. Os viais de todo o concello precisan dunha maior dedicación na súa limpeza e o BNG entende que durante a época da primavera/verán o tractor municipal debe traballar máis horas e non só pola maña. A contratación doutro operario que realice esa labor tamén durante o horario de tarde é de vital importancia para ter as parroquias debidamente atendidas.

O terceiro punto refírese á atención a agricultores e gandeiros. É necesario, din, que o equipo de goberno xere un punto de atención a agricultores e gandeiros no concello. Nun mundo cada vez máis informatizado e cunha poboación cada vez máis envellecida, atopan que moitos veciños non saben como realizar os trámites necesarios coa administración e chegan a perder así oportunidades para darlle ós seus negocios un maior dinamismo. Este punto de atención debe ser un pilar de apoio, tanto informativo como efectivo, para todos aqueles que o precisen á hora da realización de trámites administrativos.

En cuarto lugar incide o BNG no servizo madrugadores. É de gran importancia e interese común a creación dun servizo de madrugadores na gardería e no colexio público, obxetan. Galiza enfróntase a unha grande crise que a Xunta parece que non quere ver xa que nada fai para remediala, co agravio que lle supón o rural galego, opinan. A crise demográfica é un rodillo que está a pasar polas vilas do interior e temos que tentar pórlle freo. Dende as corporacións locais hai que traballar para que as nosas vilas sexan atractivas para que as parellas de xente moza que queiran ter nenos/as non se vexan obrigadas a marchar a vivir a concellos limítrofes con máis oportunidades. O servizo de madrugadores axuda a conciliación da vida persoal coa laboral e axuda así ós proxenitores que teñen grandes problemas para poder traballar e deixar ben atendidos os seus meniños.

E o quinto punto refírese á apertura do ximnasio municipal. Lourenzá ten a gran sorte de contar cunhas escolas deportivas con gran recoñecemento no país. É por iso que o BNG aposta por seguir a potenciar a vía do deporte, por unha banda dar a coñecer o concello fora da nosa comarca e por outra que os mozos medren nos valores do deporte, podendo contar cun ximnasio municipal que lles axude a completar os seus adestramentos. Así como darlle un espazo a todo veciño que desexe facer exercicio, que poida facelo na súa vila sen necesidade de desprazarse a outros concellos limítrofes.

Etiquetas