María Esther Álvarez toma posesión como Secretaria da Deputación

O presidente da Deputación, José Tomé Roca, presidiu a toma de posesión da Secretaria Xeral da Deputación de Lugo, María Esther Álvarez Martínez, un acto que tivo lugar na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos e ao que asistiron deputadas e deputados provinciais, representantes de colexios profesionais, traballadores e traballadoras da institución provincial e familiares da funcionaria.

Tomé Roca destacou que “a incorporación de María Esther Álvarez suporá un avance para a eficiencia da administración pública que permita ofrecer cada vez un mellor servizo á cidadanía, grazas a súa longa e impecable traxectoria de servDeputaciizo público”. Ademais o presidente, en nome de toda a Corporación Provincial, desexoulle “sorte e éxito nesta labor, porque ese éxito tamén será o da Deputación e o da provincia”.

Pola súa banda, a Secretaria mostrou o seu agradecemento á Corporación e asumiu o cargo “con lealdade, responsabilidade e dedicación, como sempre fixen, desde o compromiso co servizo público que guía o meu traballo diario”.

Álvarez Martínez, naceu en Palacios de Sil (León) en 1960, licenciouse en Dereito na Universidade de León. Viña exercendo o cargo desde novembro de 2018, cando tomou posesión como Secretaria da Deputación en comisión de servizos, sendo a primeira muller en desempeñar este cargo. Anteriormente ocupou a secretaría no Concello de Arteixo, A Coruña, durante máis de 23 anos. En 1988 superou as probas selectivas que permiten o acceso ás subescalas de secretaría de entrada e secretaría-intervención, sendo o seu primeiro destino o Concello de Agüimes, na provincia de Las Palmas.

A Secretaría é un dos postos de maior responsabilidade na administración local xunto con Intervención, o órgano de control económico, é chave para o funcionamento cotián da Deputación. A Secretaria dá o asesoramento legal sobre procedementos administrativos e o exercicio da fe pública na institución provincial, é a encargada de convocar os Plenos e Xuntas de Goberno, de elaborar a orde do día destas sesións, así como de dar conta e custodiar os acordos acadados. Entre outras funcións, debe informar de todas as actuacións levadas a cabo pola institución, así como dos decretos, convenios, protocolos ou estudos aprobados pola Presidencia e distintas áreas de xestión.

VOCEIRA SOCIALISTA

Ademais, o presidente da Deputación, José Tomé, avanzou que a voceira socialista do Goberno provincial será a Deputada Pilar García Porto, unha persoa co “perfil, a traxectoria e experiencia necesarios para desempeñar un moi bo papel nesta importante tarefa”, pois conta cunha “gran capacidade de diálogo, é resolutiva e coñece perfectamente a casa e a súa xestión, despois de 8 anos exercendo distintas responsabilidades de Goberno, dos que catro foi ademais vicevoceira do grupo provincial socialista”.

É a primeira vez que unha muller asume o papel de voceira do Goberno provincial, o que tamén pon de manifesto o compromiso do Presidente e de todo o Executivo, tal e como recolle o pacto de goberno, por avanzar na igualdade de xénero.

García Porto entrou na Corporación Provincial no ano 2011, cando asumiu a área de Economía, Recadación e Facenda, labor que compatibilizou coa de vicevoceira socialista na institución provincial. No pasado mandato dirixiu a área de Cultura, Patrimonio Histórico, Artesanía e Deseño, e Educación.

Por outra banda, cumpríndose o avanzado polo Presidente, hoxe foi convocado o Pleno extraordinario para aprobar a organización da Corporación provincial, sesión que se celebrará o vindeiro martes, día 30, ás 11.00 horas, só pouco máis dunha semana despois de que Tomé tomase posesión. De feito, o Presidente puxo especial dedicación en que se preparase toda a documentación necesaria para que este Pleno se celebrase na maior brevidade posible co fin de que o funcionamento ordinario, a normalidade e a tranquilidade da institución á que apelou na investidura se implantase canto antes.

Etiquetas