Skip to main content
ActualidadeRibadeo

Os gañadores da carreira nocturna de Ribadeo a Rinlo levarán tres kilos de percebes

Por 24 Xullo, 2019Sin comentarios

dav

Os gañadores absolutos, masculino e feminino, da terceira edición da carreira nocturna Rinlo-Ribadeo levarán de premio 3 quilos de percebes. A proba, que se celebrará o 24 de agosto, foi presentada no salón de plenos do Concello ribadense polo concelleiro de Deportes, Jorge Díaz Freije, e catro membros do organizador do evento, o Club Atletismo Ribadeo: Arxi García Gómez, Rocío Díaz Mesa, Marta Fernández Díaz e Ana María Ferradás Barrera.
Desde a organización explican que “a edición deste ano terá un carácter emotivo e solidario xa que se invitará a gozar do atletismo baixo o lema Sempre vivas e libres, co que queremos homenaxear a todos os grupos sociais que sofren a violencia, facendo fincapé nas mulleres, que son as máis vulnerables desta lacra na que estamos inmersos nos nosos días. Debemos denunciar e afastar da sociedade aos modelos que invitan a monstruosidades de comportamentos dalgúns seres”.
O evento contará con probas para os máis cativos desde as 20:00 horas, con distancias dende 60 metros até 600 metros para as categorías dende pitufos até alevíns, que se desenvolverán no parque de San Francisco. Para as categorías infantil e cadete a distancia será de 2.500 metros, con saída ás 21:30 horas desde a Illa Pancha e chegada na Casa do Concello de Ribadeo.
Os organizadores tamén comentaron que “a proba absoluta discorrerá pola costa, vencellando as fermosas vistas de Rinlo e Ribadeo sobre un circuíto de 8,7 quilómetros, totalmente de asfalto, con saída na praza de Santa Catalina, de Rinlo, e chegada diante do pazo do Marqués de Sargadelos, en Ribadeo”.
A organización ofrecerá servizo de gardarroupa e transporte en autobús dende Ribadeo até Rinlo a partir das 20:00 horas.
Haberá premios para todas as categorías e cabe destacar que os vencedores absolutos, tanto feminino como masculino, recibirán un lote de 3 quilos de percebes. E, como novidade, hai un premio económico para o atleta que mellore e marque un novo récord da proba, que na actualidade ostenta o burelés Simón González, cun tempo de 29 minutos e 10 segundos, e en mulleres a pontenovesa Ana Margaride, con 34 minutos e 58 segundos.
A tod@s @s atletas da proba absoluta entregaráselles un frontal de balde e tod@s @s participantes no evento recibirán unha bolsa do corredor con avituallamento sólido e líquido, unha camiseta conmemorativa e agasallos diversos, como unha entrada de balde para brincar en familia no Parque Recreativo Laberinto Costa Mariña, de Rinlo.
A organización quere amosar o seu agradecemento ao Concello de Ribadeo polo apoio e compromiso pleno coa III Carreira Nocturna Rinlo-Ribadeo e a todos os patrocinadores do evento pola súa inestimable colaboración.