Skip to main content
ActualidadeRibadeo

Ribadeo implementa unha campaña para que as peregrinas viaxen seguras

Por 26 Xullo, 2019Sin comentarios

O Concello presentou a campaña Ribadeo, Camiño seguro que dá comezo nesta xornada. O obxectivo é poñer en valor o Camiño de Santiago ao seu paso por Ribadeo e o dereito das mulleres a viaxar soas e a facelo de xeito seguro. A primeira fase da campaña, que conta co apoio do Xacobeo, será a de sensibilización e promoción, a través de folletos informativos que se repartirán entre a hostalería, os albergues e o sector servizos. Haberá dúas fases máis que se desenvolverán ao longo dos vindeiros meses. A concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, subliña que o Concello de Ribadeo convértese deste xeito en pioneiro coa posta en marcha desta campaña das Áreas de Igualdade e Turismo arredor do Camiño Norte e das violencias de xénero.
O edil explicou que “desde o Centro de Información á Muller e desde a área de Turismo do Concello de Ribadeo iniciamos hoxe a campaña Ribadeo, Camiño seguro, en colaboración co Xacobeo da Xunta de Galicia que nos avala este proxecto. A idea da campaña, por unha parte, é poñer en valor o Camiño Norte e ten uns símbolos no seu lema moi emblemáticos do que é o noso concello. Por unha banda, como se vai poder observar en todos aqueles folletos e cartaces que a definen, aparecen os arcos da praia das Catedrais, e tamén tres círculos ao final do lema que son os círculos das vidrieiras da Torre dos Moreno e que están unidos por unha liña recta que é o que significa o Camiño Norte ao seu paso polo noso concello”.
Mariluz Álvarez dixo que “por unha banda, é necesario poñer en valor o Camiño Norte cunhas grandes potencialidades, e por outra parte  trátase de facer unha campaña de sensibilización para que as mulleres viaxen soas e seguras e que o de viaxar soas sexa unha opción. Temos o dereito de poder viaxar soas e ademais debemos poder optar a viaxar soas cunha seguridade. Esa seguridade queremos visibilizala a través desta campaña que imos poñer en marcha e sobre todo tamén para desterrar estas mensaxes que se nos están dando nos días de hoxe a nivel social dese medo que nos invade, que nos invaden tamén ás propias nais que temos fillas que viaxan e temos que sentirnos protexidas. Nós desde o Concello de Ribadeo queremos ser pioneiros, queremos romper esa brecha, esa concepción que existe e queremos que esa idea de poder viaxar soas sexa unha opción e desde logo que non se nos cuestione en ningún momento, que nós non sexamos as que teñamos que ter esa temeridade de poder facelo”.
A concelleira de Igualdade sinalou que “imos iniciar esa campaña en relación coa Área de Turismo porque a nós nos parece que a Área de Igualdade ten que ser transversal, e neste caso a maior transversalidade é desde a Área de Turismo do Concello por todo o que require o Camiño Norte e todo o que pode aportar á nosa vila. Como non podía ser doutra maneira temos que implicar á hostaleira e ao sector servizos. A campaña de promoción consta de diferentes fases. Hoxe comezámola cuns folletos onde, co lema da campaña Ribadeo, Camiño seguro, facilitamos uns hastags e un teléfono ao que animamos a todas aquelas mulleres que viaxen soas a que manden a súa mensaxe respondendo a tres cuestións: qué supón viaxar soas, qué riscos ten e qué recomendacións lles fan a outras mulleres para viaxar soas, á vez que escriban unha mensaxe alentadora nese ámbito. Temos os hastags #RibadeoCamiñoSeguro, #OteuXacobeo e #Xacobeo2021, onde poden mandar as súas mensaxes e un teléfono ao que poden enviar as mensaxes de voz que éo  609 050 076. Os folletos están en tres idiomas, castelán, galego e inglés. Imos facilitalos á hostalería, a aqueles lugares onde albergan peregrinos, ao noso albergue tamén e ás oficinas de turismo do noso concello”.
Álvarez Lastra seguiu a relatar que “a segunda fase sería a gravación dun vídeo onde poñeríamos en valor o entorno do Camiño Norte, cunha visibilización de imaxes da contorna e tamén daquelas persoas que estean implicadas na dinamización do Camiño Norte. Haberá un foro, onde tamén nos reuniremos en setembro con xente que rexenta hospedaxes, e ademais imos ter a testemuña de mulleres que viaxen soan. Facendo un estudo no noso Concello vemos que as rapazas alemás son as que máis viaxan soas e as rapazas de Corea, incluso nalgunhas universidades alemás potencian como créditos que se fagan esas experiencias de vida, polo tanto nós queremos incidir nese ámbito. Faríase un vídeo que se difundiría nas redes. E a terceira fase do proxecto sería a realización dun pacto local, onde se marcarían unha serie de estratexias, onde estarían técnicos relacionados coa Área de Turismo, viaxeiros e viaxeiras que fan ese camiño en solitario, o sector da hostalería e a parte política. Pretendemos con ese pacto poñer enriba da mesa todo o que fomos recompilando neste traballo e adoptar unha serie de medidas moi prácticas para que aquelas persoas que estamos en contacto coa difusión das viaxes, do Camiño e coa idea de poder viaxar soas adoptemos esas medidas para poder axudar a aquelas persoas que nalgún momento tivesen algún tipo de problemática no ámbito da agresión sexual e da inseguridade”. 
A concelleira ribadense engadiu que “para nós é unha bandeira que desde as institucións temos que romper. É algo que está aí, esa mensaxe que se transmite a través da cidadanía e que hai ese certo ambiente que nós queremos desterrar. Remataríamos cunha xornada formativa, onde virían persoas especializadas. Para nós este é un punto de partida no ámbito da sensibilización, no da prevención e sobre todo no da liberdade das mulleres de poder viaxar e vivir libres de violencias machistas e de todo tipo de agresións. Polo tanto este proxecto vai dar moito máis de si e seguiremos estendendo outras actuacións neste ámbito. Animamos a todas aquelas peregrinas, a aquelas mulleres que viaxen soas que animen ao resto e que creemos ese ambiente de seguridade e de desterrar esas concepcións onde nos temos que sentir protexidas para poder viaxar e disfrutar”.
Mariluz Álvarez Lastra tivo palabras de agradecemento: “dende o Centro de Información á Muller queremos agradecer o traballo e a colaboración de Begoña García, técnica de turismo que nos abre as portas dos contactos e que cre neste proxecto. A campaña está traducida ao galego, castelán e inglés e tivemos o honor de poder contar co traballo de Sara Canto, que está facendo as prácticas con nós no Concello e que se prestou a facer desinteresadamente estas traducións. Por outra parte o proxecto da campaña está elaborado en coordinación coa cooperativa Arabías, e como representante Tania Meleras, que é quen está en colaboración con nós para que tivera o impulso do Teu Xacobeo. Ademais a idea dos logos son de RH Cooperativa Cultural e foi Eva Agra quen estivo en contacto con nós, e creo que o deseño reflexa o que nós queremos expresar”.