Critican o abandono que sofren a piscina e os parques de Alfoz

Os populares de Alfoz denuncian o “total abandono” no que o Goberno local mantén a piscina, os parques e as áreas recreativas do municipio. “É lamentable o estado no que se atopan, precisamente, agora no verán cando máis uso se fai delas e os nenos e nenas ocupan estas zonas diariamente”, manifestan.

Precisamente, os concelleiros do Partido Popular en Alfoz explican que “xa houbo dúas festas ao lado do parque de López Palmeiro” e, a pesar diso, “a zona segue sen rozar dende antes do verán e conta con herba e maleza que invade zonas de paso”. Os populares lamentan, polo tanto, o estado da zona a poucos días de celebrarse a festa anual no lugar.

Así mesmo, critican que “despois das anteriores celebracións o lixo siga sen recoller” e, como consecuencia diso,  remate tamén “entre os elementos do parque infantil. Ao perigo que supón o mobiliario oxidado, hai que engadir a presenza de cristais e outros residuos nos lugares máis concorridos polos nenos e nenas agora no verán”. 

Para os concelleiros do PP no municipio esta ausencia de actuacións denota “un gran abandono” e demostra “unha falta de consideración aos veciños e veciñas”. Lamentan, dende o Grupo Municipal Popular, que “o Goberno local presuma do remanente económico nas arcas municipais, pero non se empregue ese diñeiro para manter en bo estado de conservación o material propiedade do Concello”.

Dende o Grupo Municipal do PP lamentan a “absoluta falta de previsión e xestión ás que, por outra banda, xa nos ten acostumado o Goberno do PSOE. É incrible que non sexan capaces de xestionar a limpeza destas zonas”, consideran. Aos populares preocúpalles que “a falta de limpeza poida supoñer problemas para os usuarios e usuarias dos parques e áreas recreativas, así coma aos da piscina municipal”.

Os populares lembran que “a piscina municipal leva case un mes aberta ao público”; pero “tamén presenta un total estado de deixadez”. As instalacións presentan un mal estado de conservación e, polo tanto, un aspecto descoidado: as paredes presentan humidades no interior e polo exterior hai zonas nas que non dispoñen de pintura. “Incluso as tubaxes están oxidadas”, engaden.

 

Etiquetas