Skip to main content
ActualidadeViveiro

Viveiro destina máis de 95.000 euros a reparar o Camiño Real de Verxeles

Por 29 Xullo, 2019Sin comentarios

O mércores, 24 de xullo de 2019, celebrouse a mesa de contratación para apertura de ofertas das obras na contorna da rúa Verxeles de Viveiro, facendo posteriormente a correspondente proposta de adxudicación:
O acordo que se adoptou en Viveiro referíuse á dotación de saneamento, pluviais, abastecemento, alumeado público e mellora do firme entre as rúas Verxeles e a Avda. Xunqueira-Estrada de Betanzos (Camiño Vello), Viveiro (Lugo), que ten un presuposto de contrata de 94.687,85 €, incluída no Fondo de Compensación Ambiental.
O vial obxecto do presente proxecto denomínase Camiño Real Verxeles e a actuación concreta vaise desenvolver no tramo comprendido entre a rúa Verxeles e a Estrada LU-540. O seu trazo sinuoso e a tipoloxía edificatoria das edificacións que a flanquean confírenlle unha singularidade especial, mantendo a día de hoxe unha gran parte do seu trazado a tipoloxía propia dun antigo acceso ao casco histórico de Viveiro.
A rúa está actualmente dotada dos servizos de rede de abastecemento de auga, rede de sumidoiros e alumeado público. Ditos servizos foron realizados hai máis de 30 anos co que debido ao uso e crecemento urbanístico quedaron obsoletos, sendo as seccións de tubería existente insuficientes para garantir o bo funcionamento dos servizos urbanos. O vial atópase pavimentado con aglomerado, que nalgunhas zonas está totalmente deteriorado, dificultando nalgúns casos o tránsito tanto peonil como rodado.
En base a esta situación, preténdese realizar as seguintes obras:  

  1. Aumentar a sección dos tubos que forman a rede de evacuación de augas residuais.
  2. Dotar a este tramo de vial dunha rede separativa de pluviais.
  3. Dotar dunha nova rede de abastecemento de auga potable e así garantir o bo servizo da instalación.
  4. Canalizar a instalación de alumeado público para poder liberar as fachadas do cableado grampado, así como nos cruces e interseccións de viais.
  5. Repoñer o actual pavimento mediante a aplicación de aglomerado en quente tipo D-12.