Skip to main content
ActualidadeViveiro

Por Viveiro critica os retrasos que sofre a aprobación do PXOM en Viveiro

Por 30 Xullo, 2019Sin comentarios

Viveiro atópase nunha situación urbanística que non pode continuar por máis tempo, segundo a formación política liderada por Bernardo Fraga e Manuel Galdo, Por Viveiro. O Concello está perdendo o tren do crecemento e a rehabilitación urbana, tren no que si que se atopan concellos do noso entorno, expoñen e por iso instarán no vindeiro pleno municipal ao goberno de María Loureiro a que axilice os trámites para aprobar o PXOM.
No ano 2006, suspendéronse con acerto, segundo a formación, as Normas Subsidiarias de Planeamento Municipal de Viveiro, que levaban ao Concello a un crecemento desproporcionado e completamente desordenado. 
O Decreto 102/2006 coas modificacións introducidas no Decreto 89/2010 rexen na actualidade o urbanismo de Viveiro. Estas normas están configuradas de forma temporal, mentres non se aprobaba o PXOM por parte do Concello. 
Dende a aprobación do Decreto 102/2006 pasaron nada máis e nada menos que 13 anos, tempo político, no que se realizou a aprobación inicial do PXOM o 14 de abril de 2011. Esta aprobación inicial supuxo a apertura dun período de alegacións, foron moitas as veciñas e veciños, que presentaron alegacións que a día de hoxe 8 anos despois, seguen sen resposta. A resposta ás alegacións é de obrigado cumprimento para poder chegar ao seguinte paso de aprobación provisional do PXOM, e aínda está pendente. 
Durante os últimos anos, primeiro as trabas da Dirección Xeral de Patrimonio e logo as de Augas de Galicia, xunto con certo desinterese do Goberno Municipal, “retrasaron” a aprobación provisional do PXOM. 
Son moitas as veciñas e veciños, que viron durante estes anos truncados os seus desexos de utilizar as súas parcelas para os usos urbanísticos habituais, afirman.
Dende a última reunión da comisión de seguimento do PXOM, ningún avance se ten informado. Así mesmo os constantes retrasos na aprobación provisional supoñen un incremento do coste dos traballos do equipo redactor, que o Goberno Municipal ten que explicar para coñecemento das veciñas e veciños, segundo a formación. 
Dende Por Viveiro entenden a necesidade urxente de que Viveiro conte cunha normativa de ordenación urbana acorde a este século e saír da provisionalidade. 
É por isto que propoñen ao Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte acordo: convocar a comisión de seguimento do PXOM durante a segunda semana de Agosto do 2019, co obxectivo de obter toda a información sobre o estado da tramitación do Plan. 2. Convocar a comisión de seguimento do PXOM a primeira semana de cada mes ata a aprobación provisional co obxectivo de facer un seguimento mensual da información e tramitación do PXOM e impulsar a súa aprobación. 3. Instar ao Goberno Municipal a traballar para aprobar provisionalmente o PXOM durante o ano 2019.