Skip to main content
ActualidadeTrabada

Renuncia como edil a concelleira popular de Trabada, Encarna Amigo

Por 31 Xullo, 2019Sin comentarios

Encarna Amigo vén de presentar o escrito de renuncia como concelleira do Grupo Municipal Popular no Concello de Trabada por razóns de incompatibilidade, máis en concreto, “pola imposibilidade de atender os deberes propios do cargo coa dedicación que tal responsabilidade convela”
A exconcelleira, tamén deputada autonómica, lamenta a pouca sensibilidade da alcaldesa socialista, Mayra García Bermúdez, á hora de convocar os plenos, como aconteceu neste primeiro pleno, o de organización, que ademais de ser convocado fóra de prazo –un mes máis tarde do que marca a lei- faise nun horario que coincide co pleno do Parlamento de Galicia e polo tanto, ao que non podería acudir. 
“Ten maioría absoluta, puido ter convocado o pleno en tempo e decidiu non facelo. Parece que estivo esperando á organización da Deputación, agardando coñecer as funcións, atribucións e remuneracións que lle correspondían. Sería moi grave que a alcaldesa lle interese máis ir a Lugo que atender aos seus veciños”
Amigo asegura que haberá oportunidade de comprobar a dobre cara da alcaldesa e, nese senso, observar se aplica a mesma menciña en todos os casos. En concreto pregúntase si García fará coincidir os plenos do Concello cos da Deputación e, nese caso, “se ten pensado delegar a función como primeira edil noutra persoa”. O que está claro é que este comportamento “tan insensible” que tivo no primeiro pleno “limita os meus dereitos como concelleira” e, por este motivo, obrigoume a tomar esta decisión porque “o que non quero é ocupar un cargo e non poder cumprir con el”.
Amigo lembra tamén que durante a campaña electoral a alcaldesa afirmou en repetidas ocasións que non formaría parte da nova Corporación Provincial cando a realidade está a ser moi diferente, “o que dá mostra da súa dobre cara”.
Con todo a exconcelleira e deputada autonómica sinala que segue a disposición do conxunto da provincia e, moi en particular a disposición da veciñanza de Trabada, e avanza que explicará esta postura nunha reunión que se convocará neste municipio, cos veciños que queiran asistir e cos simpatizantes do Partido Popular local, co que sigue cen por cen comprometida.  Encarna di ademais que, como deputada, ten un interese especial na defensa dos concellos máis pequenos do rural lucense.