Burela completa as actividades de agosto con teatro ao aire libre e un rastrillo solidario

A axenda cultural do Concello burelés para o mes de agosto inclúe cine ao aire libre, teatro infantil na rúa, unha nova edición do rastrillo popular solidario, a V Feira do Libro e o último espectáculo de Carlos Blanco e Touriñán, titulado ‘Unha noite na praia’. A axenda arrinca co inicio do Certame Internacional de Pintura Mural Amarte 2019 e segue esta fin de semana coa Feira do Bonito e con Produart.

O concelleiro de Cultura, José Díaz, comentou que “a programación cultural do Concello de Burela para este mes de agosto dá comezo coa Feira do Bonito que será este sábado 3 de agosto e tamén o 4. O sábado co reparto das racións de bonito clásicas e o domingo co marmitako. Paralelo á Feira do Bonito, desde o día 1 ao 4, será o Certame Internacional de Pintura Amarte 2019. O sábado temos ademais un torneo de xadrez, xa fixéramos un no 2017, que se desenrolará nas instalacións da asociación A Moncloa, preto da zona portuaria. Tamén o sábado ás dez da noite teremos o concerto de Budiño, que organiza a Delegación de Cultura e será gratuíto”. 

O edil seguiu a relatar que “o 9 de agosto teremos teatro infantil ao aire libre, como xa fixermos no 2015 con teatro na praia que fora moi interesante e diferente. Esta vez é unha obra que se chama ‘Meme, o caracol prehistórico’, que combina música con humor e será na praza da Mariña ás nove da noite. O 11 de agosto faremos a segunda edición deste ano do rastrillo popular solidario de verán. Xa se pode apuntar a xente chamando á Casa da Xuventude. Teremos tamén, entre o 14 e o 18 de agosto, o Festival Osa do Mar, que organiza Fanto Fantini e moitos establecementos de Burela ademais do propio Concello. Haberá moitos concertos de gran calidade”.

José Díaz manifestou que “o 28 de agosto teremos ás dez da noite a última sesión de cine ao aire libre, neste caso na praza do Concello. Este ano dividimos entre as dúas prazas as actuacións ao aire libre para que as dúas zonas do pobo teñan ambiente. Por último teremos a Feira do Libro que este ano será do venres 30 de agosto ao domingo 1 de setembro. Será a quinta edición, que coincide ademais cunha actuación moi esperada en Burela que é ‘Unha noite na praia’ de Carlos Blanco e Xosé Touriñán, que estarán con dúas sesións e incluso chegará a haber tres se as ventas de entradas son moitas, que xa me consta que o son porque están á venta en internet en ataquilla.com. Con todo isto creo que se configura un agosto moi rico en eventos, moi de disfrutar ao aire libre ata que chegue a tempada de programar cousas no auditorio”.

 

Etiquetas