O Festival Bal y Gay levará a música clásica a Foz a finais de agosto

O Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, xunto ao Alcalde de Foz, Francisco Cajoto Caserío, presentaron na Oficia de Turismo do Concello de Foz, o VI Festival Bal y Gay que se celebrará neste Concello mariñán dende o 24 ata o 29 de agosto. No acto de presentación tamén participou o director do festival, Enrique Rodríguez Baixera. A Deputación colabora con este evento cultural, realizando unha achega económica de 6.000 euros. 

García Pernas sinalou que “esta cita, que xa vai pola sexta edición, une a música clásica co mundo do rural, favorecendo que os nosos veciños e veciñas poidan achegarse a este xénero musical. Ao longo de seis días, o Concello de Foz converterase nun escenario de referencia da música clásica, pois poderemos escoitar en concerto a intérpretes de primeiro nivel. como Noelia Rodiles, o Cuarteto Casals ou o grupo El Afecto Ilustrado, entre outros”.

O Festival de Música Bal y Gay naceu no 2014 con dúas premisas fundamentais: por unha banda, potenciar a formación musical e instrumental en todos os niveis  e, por outra, promocionar este tipo de xénero musical na contorna rural, onde a accesibilidade a este tipo de eventos é moi limitada. Este evento musical, que se celebrará en 6 xornadas, contará cun ciclo de concertos e clases maxistrais de piano e clarinete. 

Programación

– O 24 de agosto, ás 21.00 horas, actuación do Afecto Ilustrado, na Igrexa de Santiago.

– O 25 de agosto, ás 20.00 horas, actuación de Noelia Rodiles, no Pazo de Fontao.

– O 26 de agosto, ás 18.30horas, concerto didáctico do grupo Arcos Iris, na Sala Bahía.

– O 27 de agosto, ás 20.30 horas, Ensemble Festival Bal y Gay, na Sala Bahía. O ensemble do Festival está formado por músicos das mellores orquestras de España e do estranxeiro, como a orquestra de Euskadi, a Orquestra Nacional de España, ou a Orquestra da BBC de Escocia, entre outros.  

– O 28 de agosto, ás 20.30 horas, conferencia-concerto sobre Leonard Berstein, na Casa da Cultura de Foz. 

– O 29 de agosto, ás 20.30 horas, actuación do Cuarteto Casals, na Basílica de San Martiño de Foz. 

Ademais, o Festival Bal y Gay inclúe clases maxistrais de piano e clarinete que se celebrarán na Escola Municipal de Música Arcadio Mon e na Casa da Cultura Manuel María. As persoas interesadas en participar poden inscribirse ata o 10 de agosto. Os profesores serán: Vicente Alberola, da Malher Chamber Orquestra; Javier Martínez, da Orquestra de RTVE, e Juan Antonio Ferrer, da Orquestra Sinfónica de Galicia. 

Etiquetas