Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Unha decea de municipios da Mariña verán reducida a factura da luz grazas a fondos conqueridos pola Deputación

Por 5 Agosto, 2019Sin comentarios

As sesións da Xunta de Goberno do novo mandato arrancan cunha boa nova para os Concellos, pois a Deputación, segundo anunciou o Presidente, José Tomé, vén de conseguir fondos da Unión Europea para desenvolver o proxecto ILUMIN@, que, cun investimento de 700.000€, consiste na dotación de novo equipamento enerxético de baixo consumo en instalacións municipais para reducir a factura eléctrica dos 38 concellos lucenses que se adheriron á iniciativa.

A Xunta de Goberno celebrada este venres aceptou a achega económica de 578.072,26€ procedente do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), que o organismo provincial solicitou a través do Instituto de Desenvolvemento de Aforro Enerxético (IDAE), dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica. A Deputación achega 144.518,10€, co que o orzamento total do proxecto é de 722.590,36€.

Esta iniciativa, dirixida aos municipios de menos de 20.000 habitantes, enmárcase “noobxectivo estratéxico da Deputación de cooperar cos Concellos para que poidan prestar servizos públicos eficientes á cidadanía aforrando custes”, subliñou o Presidente. Grazas ao programa ILUMIN@, os Concellos recibirán unha axuda económica para o cambio de luminarias existentes por outras de tecnoloxía LED en instalacións municipais, como por exemplo  alumeados públicos, centros sociais, dependencias culturais ou deportivas.

Renovaranse 3.195 instalacións de luz, co que se reducirá o consumo en 450.217 quilovatios ao ano, de xeito que, en termos económicos, o aforro conxunto nos 38 concellos superará os 62.000€ anuais, o que supón un 63% da facturación eléctrica das instalacións nas que se actúa.

A Deputación distribúe os fondos nos 38 Concellos que se sumaron ao proxecto en base ao seguintes criterios obxectivos: superficie,poboación, dispersión e esforzo fiscal. Segundo esta baremo, as cantidades que recibirá cada municipio e a finalidade á que as destinarán son as seguintes: Burela recibirá máis de 13.200 euros para a renovación e mellora de instalacións de alumeado público. Riotorto recibirá uns 14.000 euros para o mesmo fin pero nos núcleos de Ferrería, Chacín e Val. Lourenzá, 16.000 euros para alumeados en Arroxo e Alemparte.

Ourol percibirá 22.800 euros para un proxecto de mellora da eficiencia enerxética en instalacións de alumeado exterior en A Garita e os Teixos, na parroquia de Bravos.

Mondoñedo recibirá 17.000 euros para renovar lámpadas por luminarias LED. O Vicedo percibirá case outro tanto para un proxecto de alumeado en Pazo e San Román.

Alfoz conquire 18.700 euros para renovar a alumeado público, Trabada outros 17.000 euros para un proxecto de aforro e eficiencia no alumeado de Rabexa, Retorta e San Martín e tamén O Valadouro percibirá 20.800 euros para reformar o alumeado en Budián.

DESBROCE. Polo demais, a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación do servizo de desbroce de estradas provinciais pertencentes a 28 concellos para este ano e o que vén por un importe total superior aos 972.000€. Os concellos son os seguintes: Muras, Xermade, Vilalba, A Pontenova, Riotorto, A Pastoriza, Castroverde, O Corgo, Baleira, Baralla, Láncara, Ribeira de Piquín, A Fonsagrada, Becerreá, As Nogais, Cervantes, Pedrafita do Cebreiro, Antas de Ulla, Monterroso, Portomarín, Palas de Rei, Chantada, Carballedo, O Courel, Quiroga, Ribas de Sil, Pantón e Sober.

Tamén foi adxudicado por importe de 121.000€ o subministro de 320 toneladas de emulsión asfáltica que serán empregadas polas máquinas do Parque Móbil para o mantemento e arranxo da rede viaria provincial, que, con 4.200qms, é a máis extensa de España. A adxudicataria deste contrato é Repsol Lubricantes y Especialidades SA.

Así mesmo, aprobouse a xustificación de 22 subvencións por un valor conxunto de máis de 43.600€ concedidas ao abeiro do Plan de Recuperación e Incorporación de Terras para a posta en Produción de Recursos Gandeiros. Con este programa, froito do compromiso da Deputación coa xeración de riqueza e emprego no rural potenciando o sector agrogandeiro, recuperaranse 582has de terras abandonadas na provincia para poñelas en produción, que se suman ás 1.888 xa recuperadas grazas ás anteriores edicións desta liña de axudas.