Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAViveiroZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Viveiro quence motores para o Naseiro a partir do 23 de agosto

Por 5 Agosto, 2019Sin comentarios

O val que forma o río Landro no lugar do Naseiro, na parroquia de San Pedro, convértese nun poboado de casetas, postos e mercado, con escenarios e atraccións, onde campa a xente (algúns con todo luxo de comodidades levadas da casa) para gozar de cinco días coas súas noites de troula, comida e bebida. A popular Festa do Naseiro está previsto que este ano se celebre do 23 ao 28 de agosto.

Declarada de Interese Turístico Galego convén advertir que este ano non se vai poder facer o descenso polo río por prohibición da Xunta.

O día 23 é a xornada do polbo, animada coa charanga Os Charangos.

O sábado, trala misa das 12.30 horas na capela do campo da festa, seguida de procesión, haberá sesión vermú e á noite verbena cos grupos Arizona e Alkar. Xa o domingo, trala eucaristía La Nave e Stereo serán as dúas formacións que actúen na verbena.

A festa continúa o luns 26 de agosto con sesión vermú e verbena a cargo dos grupos Gran Casino e Kalima 3.0 e o martes, actuará a orquestra Televisión e de novo, Kalima.

Por último, o mércores 28 será unha xornada adicada aos cativos con atraccións a prezos populares no campo da festa.

A festividade é tamén coñecida co sobrenome da ‘festa do bo xantar’, xa que cada xornada (o día grande, o domingo) é adicada a un manxar: polbo o venres por exemplo e o resto, marisco, doces, carnes, sardiñas e caldo, todo se consume masivamente, ao son da música das gaitas e das charangas polo día, e da verbena pola noite.

Todo comezou nos anos da República, cando o empresario dunha fundición convidou os seus traballadores a unha comida como manobra para evitar os 30 días de vacacións aos que tiñan dereito. Organizou a comida o antepenúltimo domingo de agosto, de tal xeito que os empregados, agradecidos pola súa xenerosidade, volveran ao traballo antes de tempo.

Ademais das citas en torno á comida, é tradicional o descenso humorístico do río Landro, dende o Souto da Retorta, unha competición que pon a proba a imaxinación e o sentido do humor dos participantes, con embarcacións e vestimentas estrafalarias e que este ano prevese que non se celebre por unha serie de restriccións interpostas pola Xunta de Galicia respecto de manter unha distancia das marxes do río e preservar a fauna e previr as inundacións e outros riscos.