Skip to main content
ActualidadeCervoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Os cervenses prepáranse para xulgar á Maruxaina

Por 6 Agosto, 2019Sin comentarios

A asociación de amigos da Maruxaina, unha especie de serea á que os cervenses enxuízan cada verán, teñen organizado outra festa por todo o alto como corresponde o seu Interese Turístico. A cita comezará o 8 de agosto, coa presentación do libro ‘María na busca da liña do horizonte’, de Esther López Castro e xa o venres, día 9, ás 19.00 horas, darase o chupinazo co que empeza o festexo, será o sinal que chama aos presentes a acodir á prazoleta de San Cibrao para iniciar o encontro enchendo primeiro o bandullo, grazas ás degustacións de empanadas e bolos ‘preñaos’ a prezos módicos.

Ás nove da noite, nomearase ao Maruxaino de Honra por parte do colectivo organizador da festa. O sábado 10, tras outro chupinazo e chamado á xente, dende as  11.00 horas as charangas e gaiteiros farán un pasarrúas polo pobo e ata ben entrada a tarde haberá un obradoiro de artesanía para todas as idades na Praza dos Campos. Ás 12, os participantes comezan a engaiolar á Maruxaina na prazoleta e comezará un paseo pola vila ao son de cornos e gaitas.

Entre as 12 e as 18 horas, está previsto facerse fotos con ela, no fotomatón maruxaino e as 1900 horas darán comezo os xogos maruxainos en carretilla, os da corda ou as carreiras de sacos.

Ás 23 horas comeza o desembarco da Maruxaina na praia do Torno de San Cibrao. Os mariñeiros vana traer á terra, xa que normalmente está case en medio do mar, nun illote, despois de dárlle pesca, supostamente, á serea, mentres que outros se orientan con sinais luminosas dende Anxuela para chegar á beira do mar. Durante o traxecto, os asistentes gozarán de fogos de artificio.

Á medianoite procederase a xulgar á Maruxaina por parte do pobo. Un grupo de persoas da vila, rodeada dos gaiteiros, mariñeiros e dos grupos de baile e teatro, lévanna á Praza dos Campos para bailar con ela, porque normalmente, sae indultada, ao non ter habido graves naufraxios na zona. Ás 00.30 horas preparase a gran queimada popular, preparada polos expertos queimadores do pobo e repartirase de balde entre todos os que adquiriron a cunca conmemorativa da festa. Arizona e La Bamba amenizarán a verbena ata que o corpo aguante.