Skip to main content
ActualidadeBarreirosSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Un documental amosará a vida e obra do artista Celso Dourado tras pechar o seu espazo museístico en Barreiros

Por 6 Agosto, 2019Sin comentarios

Logo do peche do espazo privado de arte ‘Eido Dourado’, verá a luz o traballo documental co mesmo título, que rende homenaxe “á persoa é á obra do pintor mariñán Celso Dourado.

A estrea de Eido Dourado é unha celebración da creatividade e a vida, na que se dan cita as voces de persoas que o coñecen para falar da persoa e do artista. O filme conta con imaxes inéditas gravadas ao longo de varios anos. Pero, sobre todo, é o esbozo dun creador único, no que sobresae a propia voz de Celso para amosarnos que non existe maior tesouro na existencia que atopar un lugar, o verdadeiro fogar dun mesmo, e habitalo.

A curta documental dirixida por Martín G. Rodil serve asemade como homenaxe ao Eido Dourado que pechara as súas portas en Barreiros hai un ano. Pero, tal e como explica o propio director, “representa fundamentalmente a celebración dun lugar simbólico, unha idea que dá forma a toda unha vida de traballo e dedicación entorno a un proxecto que vai máis alá daquel espazo e dos 10 anos de tempo durante os que permaneceu aberto ao público o Eido Dourado”.

No filme, descríbese como logo de máis de 20 anos de traballo, o pintor Celso Dourado abre ao público o espazo de arte nas inmediacións da praia Da Pasada, baseado na autoconstrucción e na reciclaxe de materiais, e o que isto significou no seu momento para unha persoa cunha traxectoria persoal tan complexa.

Na peza documental, Celso bota a vista atrás e conta polo miúdo cales foron as verdadeiras razóns polas que chegou a reunir unha obra con semellante forza creativa e tan particular, malia perder as súas mans á idade de oito anos. “Eido Dourado é unha celebración da creatividade e a vida, na que se dan cita as obsesións dun creador único, que nos mostra que non existe maior tesouro na existencia que atopar un lugar, o verdadeiro fogar dun mesmo, e habitalo”, di o director.

A curta, que se publicará en breve para o visionado online, está realizada por Martín G. Rodil, e conta coas voces narrativas do propio Celso Dourado, Teresa Barcia, Comba Campoy, Xurxo Souto e Manolo ‘O Panforreteiro’.

Ademais, a música orixinal está composta por temas de Stephen Hilton, ‘Day’, Karol Orze, ‘It’s time to go’ e ‘Nostalgie’, ademais de por Nicolai Heidlas, ‘Letting go’, JR SoundDesign, ‘Emotional piano’,  Spheriá, ‘Reminiscent of Spring’ e Ashamaluev & Veromax Music Studio, ’Everyone dies, not everyone lives’. Longa noite de pedra’ é un poema de Celso Emilio Ferreiro.